A mocidade de Burela percorre a vila para coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Burela acolleu esta semana a actividade “Ruta guiada: Tódolos ODS son locais”, unha proposta educativa e participativa promovida polo Concello de Burela en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, dentro do programa People & Planet. A iniciativa, dirixida á mocidade de entre 12 e 18 anos, buscou achegar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) á realidade cotiá do municipio, amosando que tamén desde o local se pode contribuír a un mundo máis xusto e sostible.
O percorrido comezou nas oficinas do Centro de Información á Muller (CIM), onde o grupo coñeceu o ODS 5: Igualdade de Xénero a través dun código QR interactivo. Desde alí, a ruta avanzou pola Estación de Autobuses e Tren, vinculada ao ODS 11: Comunidades sostibles; polos Hortos Urbanos, asociados ao ODS 2: Fame cero; e pola Fonte de Neptuno, como exemplo do ODS 6: Auga limpa e saneamento.
A seguinte parada foi na Casa da Xuventude, onde as persoas participantes puideron mergullarse de maneira literal no ODS 13: Acción polo clima e no ODS 14: Vida submarina, grazas a unha experiencia inmersiva con gafas de realidade virtual cedidas polo Fondo Galego de Cooperación. A través desta ferramenta, a mocidade viaxou a diferentes ecosistemas e reflexionou sobre o impacto das accións humanas no planeta.
O primeiro tenente de alcalde, Mario Pillado, subliñou que “a mocidade participou con moito interese e entusiasmo nesta iniciativa, amosando curiosidade por coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a súa aplicación práctica no noso municipio”. Engadiu que “a experiencia coas gafas de realidade virtual resultou moi enriquecedora e axudou a comprender de forma directa e visual o significado de cada ODS”.
O edil destacou tamén que “as gafas de realidade virtual permanecerán en Burela durante un tempo, polo que animamos a todas as persoas interesadas a achegarse á Casa da Xuventude para experimentar esta ferramenta educativa”. O horario de apertura é de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas, e polas tardes, de luns a xoves de 17:00 a 20:00 horas.
Nesta mesma liña, o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro realizou esta mañá unha visita ás instalacións da Casa da Xuventude, onde coñeceu os espazos que se van mellorar, como a Aula de Xogos, e probou os dispositivos de realidade virtual. Pillado sinalou que “foi unha visita moi positiva, na que o alumnado se interesou polos recursos dispoñibles na Casa da Xuventude”.
O tenente de alcalde concluíu asegurando que “agardamos que o alumnado regrese proximamente para seguir participando nas actividades e descubrir novas ferramentas dixitais que complementan a súa formación”.