A mocidade de Burela crea un novo himno para a vila nun obradoiro musical con Nuno Pico

A creatividade da mocidade de Burela soa con forza propia. As rapazas e rapaces que participan no obradoiro de produción musical que se desenvolve na Casa da Xuventude están a dar forma a un novo himno para a vila, un proxecto colectivo no que contan coa guía do artista local Nuno Pico, integrante da recoñecida banda galega Grande Amore.
A última sesión do obradoiro, celebrada o pasado 30 de decembro, estivo centrada precisamente na creación desta nova canción, que aspira a converterse nun símbolo musical de Burela. Ao longo do proceso, o alumnado está a aprender as claves da produción musical contemporánea, desde a composición ata o traballo co son, da man dun creador con ampla experiencia nos escenarios de Galicia e doutros puntos do Estado.
A iniciativa está promovida pola Concellería de Xuventude do Concello de Burela e desenvólvese de maneira periódica, co obxectivo de ofrecer espazos formativos e creativos á mocidade do municipio. O tenente de alcaldesa e concelleiro de Xuventude e Educación, Mario Pillado, destacou a importancia de contar con referentes locais e agradeceu a implicación de Nuno Pico, subliñando que este tipo de actividades permiten achegar a produción musical profesional ás novas xeracións.
Desde o Concello amosan a súa confianza en que o resultado final sexa unha canción representativa da vila e, sobre todo, unha experiencia enriquecedora para todas as persoas participantes.