A mobilidade sostible toma as rúas focegas

Nos últimos anos, o Concello de Foz vén dando pasos firmes cara a unha transformación profunda da súa mobilidade urbana. O obxectivo, segundo o propio equipo de goberno, é claro: “facer de Foz unha vila máis segura, accesible e humana, onde as persoas recuperen o espazo que lle corresponde no rueiro”.
Así o explican fontes municipais, que poñen como exemplo as actuacións que se están a desenvolver no eixo que conecta o centro urbano coa praia da Rapadoira, un dos máis transitados tanto polos veciños como polos visitantes. Trátase dunha intervención que abrangue rúas como Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Avenida dos Irmandiños, Curros Enríquez e a Praza de Galicia.
“Pensamos en darlle unha nova configuración á nosa vila, un modelo no que o tráfico rodado deixe de ser o protagonista absoluto”, sinalan desde o Concello. “Gústanos a idea de seguir os pasos das grandes cidades que apostan pola peonalización, por crear quinteiros ou mazás, e direccións únicas, por reducir a velocidade e fomentar o uso de medios alternativos”.
A inspiración vén de exemplos xa consolidados como Vitoria, considerada referencia a nivel estatal en mobilidade sostible, ou cidades galegas como Pontevedra, A Coruña ou mesmo Lugo. “Pontevedra demostrou que se pode cambiar o modelo sen perder actividade comercial, ao contrario. Lugo comezou en 1969 poñendo o sentido único na rolda da Muralla cunha reorganización viaria que hoxe continúa. Hai que aprender dos que o fixeron ben”, afirman.
A filosofía que guía este proceso baséase nun principio sinxelo: “a mobilidade sostible é unha ferramenta para mellorar a calidade de vida”. E iso tradúcese en medidas concretas. Por exemplo, todas as rúas implicadas neste proxecto contarán cun límite de velocidade de 30 km/h, o que permite a convivencia entre vehículos e bicicletas. “O tráfico calmo é fundamental para crear espazos de convivencia e seguridade”, subliñan.
Un dos cambios máis destacados foi o da rúa Corporacións, que pasou a ter sentido único en dirección Marzán. “Era unha rúa con moito tránsito de coches, e moitos ían a velocidades que resultaban perigosas. Agora hai menos ruído, máis seguridade e unha circulación moito máis ordenada”, explican desde a administración.
Nesa mesma liña, xa se están aplicando reconfiguracións nas rúas Trapero Pardo e Paseo de Colón, dúas arterias importantes da vila. Ambas serán tamén de sentido único, con circulación dirixida cara a Burela. “É unha medida que busca evitar colapsos, especialmente no verán, cando a afluencia de vehículos aumenta de forma exponencial”, detallan.
Na contorna da praia da Rapadoira, zona neurálxica durante a tempada estival, as modificacións foron especialmente relevantes. Alí concéntranse numerosos locais de hostalería e un gran número de peóns. “No Paseo de Colón, por exemplo, a dirección única permitirá reducir os atascos e mellorar a fluidez, algo que é moi necesario nos meses de maior actividade”, engaden.
O alcalde, Fran Cajoto, leva anos defendendo esta aposta. “Sempre crin que unha mobilidade sostible, ben planificada e centrada nas persoas, é o camiño correcto. Non se trata só de reordenar o tráfico, senón de facer unha vila mellor para vivir”, asegura.
Lembra tamén que as actuacións non son arbitrarias nin improvisadas. “No pasado mandato fixemos un exercicio colectivo de reflexión, no que participaron todos os axentes sociais, asociacións veciñais e empresariais, a ACIA local, a Policía Local e os distintos grupos políticos. Froito dese proceso foi a aprobación dun documento que define o modelo de pobo que queremos”, relata Cajoto.
A planificación, insisten desde o equipo de goberno, é clave para evitar conflitos e garantir a aceptación social das medidas. “Hai moita xente que ao principio ten dúbidas, pero cando ve os resultados cambia de opinión. O importante é facer as cousas con estudo, rigor e participación”, sinalan.
A reconfiguración da rúa Irmandiños, cuxas obras están a piques de comezar, é outro exemplo desa estratexia. Pasará a ser unha vía de dirección única desde a praia, o que contribuirá a mellorar os accesos e reducir riscos. “Cada cambio está pensado para facer máis fluído o tránsito, pero sempre co foco posto na seguridade das persoas”, recalcan.
Outra das actuacións previstas estivo ligada á creación dunha senda peonil xunto ao campo de fútbol Martínez Otero, na rúa Corporacións. “Foi unha obra moi necesaria para completar o circuíto peonil e solucionar un punto negro de mobilidade”, comentan desde o Concello.
Non se trata só de cambiar sentidos de circulación ou poñer pasos de peóns. O que está en xogo, afirman, é “repensar o espazo público, facelo máis democrático e máis saudable”. E iso require “tempo, valentía e unha visión a longo prazo”.
Desde o goberno local insisten en que Foz debe adaptarse aos tempos. “As vilas non poden permanecer ancoradas no pasado. Temos que pensar en clave de futuro, de sustentabilidade, de resiliencia urbana. E a mobilidade é unha das ferramentas máis potentes para lograr ese cambio”, afirman.
Tamén recoñecen que quedan moitas cousas por facer. “Este é un proceso continuo. Non se trata dun proxecto que comeza e remata, senón dunha estratexia global que se irá desenvolvendo por fases”, explican. Por iso, piden paciencia e colaboración á veciñanza. “Sabemos que ás veces as obras molestan, que os cambios poden xerar inquietude, pero estamos convencidos de que os beneficios a medio e longo prazo compensan con creces”.
A aposta pola mobilidade sostible en Foz está xa enriba da mesa e en marcha. Con direccións únicas, calmado de tráfico, espazos para peóns e bicicletas, e unha visión urbana centrada na calidade de vida, o Concello busca redefinir a súa identidade como vila.
“Queremos que Foz sexa un lugar máis habitable, máis amable e máis seguro. Un lugar onde as crianzas poidan xogar, onde os maiores poidan camiñar sen medo, onde o coche non sexa o rei da rúa”, conclúen. Porque, como din desde o propio Concello, “a vila do mañá constrúese coas decisións que tomamos hoxe”.