A mina Consuelo convértese nun escenario de arte sonora para celebrar un século de silencio

Este domingo 13 de abril, a mina Consuelo da Pontenova volverá a escoitar voces humanas, pero desta volta non serán de traballo, senón de arte. Cando se cumpren cen anos desde que deixou de ser explotada, este espazo natural e industrial será o marco dun evento artístico singular: “Ecos do pasado: unha experiencia sonora nas profundidades da terra”. A proposta está comisariada pola artista sonora Paula Pintos, quen ofrecerá unha sesión de voz e escoita que transformará a antiga galería nun espazo de resonancia sensorial e emocional.
Situada nun paraxe de grande valor natural e patrimonial, a mina será redescuberta a través da arte vocal, nunha liña de continuidade co que fixo Mónica de Nut no ano 2022. Paula Pintos explorará os ecos e a acústica do lugar, empregando a súa voz como canle para dialogar co tempo e co espazo. Os sons emitidos no interior da mina, que se disolven e reverberan nas súas paredes de pedra, permitirán ás persoas asistentes conectar coa memoria do lugar dunha maneira diferente, íntima e profunda.
Durante algo máis de dúas horas, o público vivirá unha inmersión sonora que vai máis alá da audición, mergullándose nunha atmosfera cargada de historia, emoción e significado. A experiencia convida a reflexionar sobre como a vibración da voz pode activar os espazos esquecidos, creando un vínculo invisible pero real coa terra.