A memoria do son, achega a Viveiro réplicas de instrumentos medievais
A Biblioteca Municipal de Viveiro acolle ata o vindeiro domingo a mostra A memoria do son, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A exposición, cun formato itinerante pensado para achegar as distintas localidades o patrimonio musical da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad, inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en distintos documentos literarios e históricos como o os manuscritos das Cantigas de Santa María de Alfonso X.
A carón dos instrumentos, figura un código QR co que as persoas visitantes poden acceder a melodías que incorporan o son de cada un dos instrumentos e permiten valorar a súa pegada na música tradicional actual e tamén as posibilidades que ofrecen para a interpretación de novas músicas.
A mostra tamén inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poden interpretar melodías de cantigas de Afonso X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.
A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamen dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño (http://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/catalogo_a_memoria_do_son.pdf)