A Medorra de Xove: “Gustaríanos facer algunha actividade durante o outono”
Por Ana Somoza López.
Jordi Meitín, presidente da asociación A Medorra de Xove.
Cando xorde a asociación A Medorra?
A asociación cultural está activa desde o ano 2001.
Cantos membros ten?
Pois somos tres membros, Borja, Julio e máis eu. Somos un grupo pequeno o que fai que nos levemos ben.
Que tipo de actividades fan?
Principalmente facemos todo o relacionado con eventos culturais e máis polo miúdo, co tema de festas e festexos.
Algo en concreto?
Recentemente estivemos coa organización da Festa de Portocelo de Xove e durante o verán organizamos a do Percebe de Xove en colaboración co Concello e na que ademais de poder degustar este manxar púidose desfrutar de música en directo. Nalgunha ocasión colaboramos con outras entidades como nalgún torneo de bolos. Intentamos botar unha man no que podemos.
É para o inverno?
Claro, de cara ao inverno e sabendo que o tempo non acompaña, adoitamos facer un Torneo de Tute Memorial Adrián Fernández alias O Cascareto, e nel sempre hai premios para os gañadores e tamén organizamos o xantar. Para esta ocasión instalamos unha carpa porque adoitan participar bastantes persoas. O ano pasado foi no mes de novembro e este ano estamos pensando se facelo a finais de outubro.
Algunha outra en mente?
Pois tamén estamos pensando en preparar algunha cousiña polo Samaín ou celebrar un magosto coa tempada de castañas. Pero iremos vendo.
Contan con local?
Si, está situado na parroquia de Vilachá e nel organizamos practicamente todo o que podemos e por suposto o cedemos a quen o necesite. De feito neste mes, estase a usar como local para as maquilladoras e como zona de perruquería da serie Rapa, de Movistar, que están a gravar en Xove.
Teñen algún tipo de axuda para estas celebracións?
Contamos con axudas e colaboración do Concello de Xove e por suposto, sempre que haxa opción de solicitar algunha achega intentamos pedila. Benvidas sexan as axudas do Concello ou da Deputación de Lugo.