A Maruxaina de Cervo terá lugar o vindeiro sábado 10 de agosto
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu xunto á alcaldesa de Cervo, Dolores García, a reunión da Xunta Local de Seguridade para artellar o dispositivo de cara ás festas do verán, principalmente a tradicional celebración da Maruxaina, que terá lugar o vindeiro sábado 10 de agosto.
Na cita, abordaron cuestión de coordinación dos dispositivos de seguridade das diferentes festas que terán lugar os próximo meses con gran afluencia de xente no municipio como son a Festa da Maruxaina (10 de agosto) e a Queimada Popular (17 de agosto), ambas declaradas de Interese Turístico Galego, co fin de “garantir a seguridade para que a veciñanza e as persoas que nos visiten desfruten ao máximo destas celebracións tan populares”.
Así, a representante do Goberno na provincia ofreceu a total colaboración dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para evitar calquera incidente e garantir o normal desenvolvemento das festas, facendo un chamamento a todos os asistentes para “celebrar e divertirse con precaución, seguindo sempre as normas establecidas tanto pola organización como polas forzas de seguridade”.
A subdelegada lembrou a importancia da colaboración cidadá á hora de previr e dar resposta a actitudes “que impiden uns festexos libres de calquera tipo de violencia”, facendo especial fincapé “nas agresións sexistas”.
Por outra banda, no transcurso da xuntanza repasáronse os principais indicadores en materia de seguridade cidadá, constatándose que o municipio continúa cuns niveis de faltas e delitos moi por debaixo da media provincial, autonómica e nacional. A Xunta Local de Seguridade contou coa presenza de membros da Garda Civil, da Policía Autonómica, Policía Local e Tráfico.