A Mariña volve saír á rúa pola sanidade pública: gran concentración o 12 de xuño diante do hospital comarcal

A loita pola sanidade pública na Mariña terá unha nova cita o xoves 12 de xuño, cunha gran concentración diante do Hospital da Mariña, en Burela, ás 20:00 horas. A mobilización, impulsada pola Plataforma Sanitaria da Mariña xunto co movemento En Defensa dxs Pacientes da Mariña e colectivos como Médicxs en Vicedo Xa e a Asociación do Casco Histórico de Viveiro, celebrarase de maneira simultánea a outras protestas por todo o país, convocadas pola plataforma galega SOS Sanidade Pública.
Baixo o lema “Pola saúde dos pacientes da Mariña”, as entidades convocantes fan un chamamento á cidadanía para acudir masivamente a unha concentración que pon no centro “as persoas, porque todas somos pacientes”. A denuncia principal é a das “vergoñentas listas de agarda”, que consideran unha ameaza directa para a saúde da poboación e unha coartada para o desvío de recursos públicos cara á sanidade privada.
“Reclamamos transparencia total por parte da Xunta na xestión das listas de espera”, explican dende os colectivos, que esixen tamén criterios claros e públicos á hora de establecer prioridades. Critican que, mentres medran os tempos de agarda, increméntanse tamén as derivacións a clínicas privadas ou ao HULA, en Lugo, para realizar probas, consultas ou intervencións que “perfectamente se poderían facer no Hospital da Mariña”.
A concentración tamén busca visibilizar o deterioro que, segundo os organizadores, arrastra a sanidade comarcal dende a supresión da Área Sanitaria da Mariña en 2018. “O desmantelamento foi progresivo e constante. Levamos anos sufrindo un abandono por parte da Xunta, cun déficit brutal de profesionais que impide garantir unha atención digna”, denuncian.
As entidades convocantes tamén quixeron recoñecer publicamente o labor das persoas que, nos últimos dous meses, mantiveron concentracións diarias para esixir solucións. “Conseguíronse algúns parches, pero a loita ten que continuar. É necesario que a resposta cidadá sexa contundente o día 12, para mudar conciencias e esixir vontade política”, conclúen.