A Mariña vive unha folga xeral sen precedentes en defensa do futuro da comarca

AMariñaXa
A Mariña lucense viviu unha folga xeral sen precedentes en defensa do futuro da comarca dada a delicada situación que vive
manifestacion burela folga xeral marina 17 11 2021
17 Nov 2021

A Mariña lucense está a vivir unha folga xeral sen precedentes en defensa do futuro da comarca dada a delicada situación que vive esta zona e tendo o convencemento da necesidade de mobilización social para garantir o compromiso necesario e que os gobernos atendan as demandas da Mariña.

Esta folga comarcal baixo o lema Futuro para A Mariña afectou a todas as actividades desenvolvidas por empregados de empresas privadas e do sector público.

Dende todos os concellos da Mariña amosaron e apoiaron a folga con peches dos servizos municipais agás os básicos e animaron á veciñanza a participar para reclamar un futuro industrial para a comarca.

O rexedor focego, Fran Cajoto, dixo que “estamos nun momento crucial para a comarca porque tanto a planta de Alcoa como a de Vestas penden dun fío. Non só debemos esixir manter as factorías en funcionamento con eses postos de traballo, pois sabemos que Alcoa pode seguir producindo aluminio de calidade sempre que se lle garanta un prezo da enerxía estable e que Vestas ten beneficios, senón que debemos intentar ir máis alá. Hai unha posibilidade como unha factoría de fibra téxtil, un proxecto industrial encabezado pola firma lusa Altri que podería desembocar. E iso é o que queremos, que A Mariña siga tendo un futuro industrial e que se continúen creando e xerando postos de traballo de calidade".

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, comentou que "a comarca da Mariña está moi preocupada pola situación laboral, social, polo estado das infraestruturas e da sanidade. Estamos preocupados porque hai moitos problemas que debemos resolver da mellor maneira posible e canto antes se faga moito mellor”.

 O Concello de Viveiro sumouse ás reivindicación, "temos que estar unidos en contra do desmantelamento industrial que se vén sufrindo nos últimos anos, así como en contra do anuncio de peche da fábrica de Alcoa e, recentemente, da planta de Vestas en Viveiro”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.

O rexedor do municipio de Xove e coordinador do PP da Mariña, Demetrio Salgueiro, considera que “estamos vivindo a peor situación con respecto á Alcoa que leva dous anos pendente dun fío, dunha decisión do Goberno central que se comprometeu a través da SEPI a facer unha intervención da fábrica para vendela a un terceiro, unha promesa que está incumprindo”. Salgueiro dirixiuse ao PSOE, que é o que goberna no Estado e o que ten as competencias, para pedirlle que “cumpra o seu compromiso”.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicou que “Alcoa supón o 33% do PIB da provincia de Lugo e, polo tanto, non é só o motor económico; senón tamén o motor social desta comarca”. Advirte o rexedor que “se nos falta Alcoa, moitos dos servizos que agora temos poderiamos prescindir deles porque non habería xente nin os traballos que están dando tanta vida a tantas e tantas familias”. Villares recordou que “o comité de empresa pediu fai xa máis de dous anos que se aprobara o estatuto das empresas electrointensivas e o Goberno central non o aprobou.

O Concello de Ribadeo tamén apoiou a convocatoria e engadiron que “sabemos que a mobilización social é necesaria para garantir o compromiso de que os gobernos atendan as demandas da nosa comarca”. 

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña tamén manifestou o seu apoio pois "A Mariña vive un situación de emerxencia abocada a converterse nun deserto industrial, situación que afecta tanto aos sectores estratéxicos como ao comercio, hostelería e servizos. A comarca conta cun enorme potencial industrial e cun sector primario potente".

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación e dixo que " demandamos medidas concretas que deben plasmarse nos orzamentos do Estado e da Xunta, que debe recollerse en compromisos que teñen que figurar no DOG e no BOE”, subliñou Pontón, momentos antes de arrancar unha mobilización protagonizada por unha veciñanza “que da un golpe na mesa para expresar que está farta de promesas e de fotos”, alegou. “O Goberno central e o Goberno da Xunta non poden seguir coa estratexia de poñerse de perfil ante a situación da Mariña, que non se arranxa con fotos de reunións que conclúen sen ningunha solución”, criticou Pontón.

O novo secretario xeral electo do PsdeG, Valentín González Formoso encabezou a representación socialista e dixo “os socialistas estamos aquí en Burela, clamando por unha comarca que demanda unha garantía de traballo, laboral e industrial e que precisa dun impulso claro por parte de tódalas administracións”, remarcou.

Por outra banda, a presidenta do PP provincial, Elena Candia, tamén partcipou e declarou que "reivindicamos medidas que cambien o rumbo do que o Goberno do Estado está poñendo na axenda e que, indubidablemente, está a supoñer resultados moi negativos para a nosa industria”.

1manifestacion burela folga xeral marina 17 11 2021
5 manifestacion burela folga xeral marina 17 11 2021
0.22568917274475