A Mariña, un destino consolidado
Desprazarse, visitar, coñecer e gozar dunha experiencia única é o ideal, a aspiración de calquera turista. Por esta razón, hai que ter en conta, imaxinar ou intuír o que lle pode gustar ao potencial visitante dun lugar cando se está a deseñar un produto turístico ou se traballa na mellora e promoción dun determinado destino. É algo que a miúdo non resulta doado, nin sequera para o márketing, aquelo que escoitamos algunha vez de tratar de buscar a satisfacción de quen consomé un determinado produto ou servizo. O problema débese a que ese grao de satisfacción depende da percepción de cada individuo, é polo tanto subxectivo. Por iso, cómpre sempre planificar ben e ampliar a oferta pensando en chegar ao maior número posible de segmentos que ofrece o mercado, con independencia da mercadotecnia que obviamente tamén terá que facer o seu traballo. Chegar a un segmento amplo ou a varios segmentos ao mesmo tempo é sempre unha opción recomendable. Ora ben, sen esquecer que se require tamén unha especialización. Sexa polas iniciativas públicas e privadas, pola inercia do propio mercado ou por calquera outra razón que se nos escapa, o certo é que a Mariña de Lugo está a dar pasos moi importantes nos últimos tempos no eido turístico, nomeadamente naqueles concellos da comarca que limitan co litoral.
Se falamos de recursos turísticos, hai un por excelencia que sobresae entre todos os demais, un destacado monumento natural coñecido xa por case todo o mundo, a praia das Catedrais. Segundo o prestixioso portal Hosteltur.com destinado a empresas e profesionais do turismo, o areal ribadense é o recurso turístico de maior impacto entre os que hai no xeodestino mariñán. De feito, entre os meses de xullo e agosto deste mesmo ano, o devandito portal elaboraba un ránking sobre as dez mellores praias europeas ideais para o baño a partir de diferentes opinións e valoracións de usuarios na rede, a praia das Catedrais, da que tamén se indicaba que era a máis buscada polos usuarios de internet agromou entre as rexistradas neste decálogo. Por certo, entre a ducia de areais seleccionados estaban incluídos outros dous españois, Ses Illetes en Formentera e a praia da Concha en Donosti.
No tocante ao número de prazas de aloxamento ofertadas en Galicia e segundo a mesma fonte de información, Viveiro aparece á cabeza con 3349, un número practicamente igual ao da capital, xa que Lugo conta con 3356. Os tamén mariñáns de Ribadeo, Foz e Barreiros con 2849, 2811 e 2716, respectivamente, tamén figuran entre os vinte primeiros concellos de Galicia. Todos os xa citados están moi lonxe do primeiro posto que ocupa Sanxenxo con 24758 prazas, sendo Compostela o segundo con algo máis de 13000 e Vigo o terceiro no podio dos oferentes con 10434. Por outro lado, a cidade do Landro foi tamén un dos destinos preferidos polos viaxeiros residentes no Estado español durante o pasado verán, sendo Sanxenxo, Vigo e Viveiro as tres cidades galegas que foron tendencia entre os denominados destinos domésticos escollidos polos viaxeiros, datos tamén fornecidos pola mencionada páxina de internet.
Todos estas estatísticas ofrecen unha idea clara do posicionamento da Mariña como destino de sol e praia, a pesar de que a climatoloxía non sempre é a máis favorable. A nebulosidade e mesmo a chuvia adoitan aparecer durante a etapa estival en repetidas ocasións, mais as temperaturas xerais son moderadas e iso hoxe en día, como xa sinalei hai varias semanas, é un activo impagable que inflúe en moitos viaxeiros, que foxen das zonas cálidas cara a latitudes máis setentrionais e frescas, con menor presión demográfica, ou sexa, menos saturadas, recoñecendo que o fluxo turístico ten medrado de xeito considerable estes últimos anos.
Ora ben, o éxito turístico da Mariña non obedece unicamente a tipoloxía sinalada con anterioridade, ten que ver e moito coa súa beleza paisaxística e cun excelente patrimonio natural, tamén cos seus recursos patrimoniais, algúns dos mellores están cara o interior, exemplos claros son o convento de San Salvador e a Catedral de Mondoñedo.
A Mariña lucense como produto turístico é case inigualable se valoramos o xeodestino no seu conxunto, observamos múltiples tipoloxías: sol e praia, natureza, cultural, etnográfico, gastronómico e mesmo arqueolóxico. Hai outras que aínda están por explorar como a industrial, a fábrica de Sargadelos, no concello de Cervo iniciou timidamente este camiño no que aínda queda moito por traballar.
Esas terras do norte de Lugo que confinan co cantábrico teñen capacidade para darlle ao turista alternativas de lecer con independencia da estación do ano na que nos atopemos e de que a climatoloxía sexa máis ou menos favorable, a Mariña é diversa como a propia provincia da que fai parte, un destino consolidado que aínda garda debaixo da manga potenciais recursos turísticos e experiencias inesquecibles para quen as queira descubrir.