A Mariña súmase ás concentracións pola paz en Palestina convocadas para este xoves

A Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina chama á cidadanía da Mariña a participar nas concentracións pola paz e a xustiza en Palestina que se celebrarán este xoves 13 de novembro de forma simultánea en Foz, Viveiro e O Valadouro, ás 20:00 horas.
En Foz, a convocatoria terá lugar diante da Casa do Concello; en Viveiro, na Praza Maior; e no Valadouro, na Praza de Santa María, que se converte este ano no novo punto de encontro en substitución do emprazamento habitual fronte ao consistorio.
A organización lembra que estas mobilizacións veñen celebrándose desde hai dous anos en máis de corenta cidades e vilas galegas, converténdose nun símbolo de compromiso colectivo coa defensa dos dereitos humanos e coa denuncia da ocupación e violencia que sofre o pobo palestino.
Desde a Coordenadora Galega fan un chamamento á participación masiva da veciñanza mariñá, para facer visible a solidariedade da comarca e de toda Galiza. “Queremos que a Mariña volva demostrar que é unha terra comprometida coa paz, coa xustiza e coa soberanía dos pobos”, subliñan os organizadores.
As concentracións terán como obxectivo reclamar o fin do xenocidio e da ocupación israelí, así como esixir unha resposta firme da comunidade internacional fronte ás violacións dos dereitos humanos. “Non se trata só de solidariedade, senón tamén de responsabilidade colectiva: o silencio tamén é cómplice”, apuntan desde a entidade convocante, que anima a levar bandeiras palestinas, pancartas e velas como símbolos de apoio e esperanza.