A Mariña Somerxida acollerá diversas presentacións sobre bioloxía, biodiversidade e conservación mariña mañá
A xornada A Mariña Somerxida acollerá diversas presentacións, charlas e foro de debate con expertos de prestixio sobre bioloxía, biodiversidade e conservación mariña o día 22 de xuño no Cenima de Foz de 9:30 a 14:30 horas. Ademáis falarase sobre arqueoloxía subacuática na Mariña Lucense. Entre os conferenciantes contarán con nomes como o profesor de bioloxía Ricardo Roberto Fernández, autor do libro Invertebrados marinos del Cantábrico: una mirada a la vida de nuestra costa; a doutora M. Carmen Cobo Llovo, especializada en bioloxía, biodiversidade e conservación mariña; João Rodrigues, fotoxornalista subacuático da revista National Geographic; David Fernández Abella, historiador e arqueólogo especialista en arqueoloxía náutica e subacuática e Fernando Patricio Cortizo, experto en naufraxios da costa de Galicia. Todos eles darán unha visión única do que se esconde baixo a superficie das augas da nosa costa.
Preténdese dar un enfoque apto para tódolos públicos, pequenos e maiores, da enorme riqueza que albergan os nosos fondos, cun tono sinxelo e coloquial, analizando as problemáticas e os retos ós que nos enfrontamos para poñer en valor e conservar este patrimonio somerxido. Cada charla ten unha duración aproximada de trinta minutos, cunha breve posta en común de ideas e preguntas ó remate de cada presentación.
O programa comezará ás 9:30 horas coa apertura e presentación. Logo ás 10:00 horas M. Carmen Cobo Llovo falará de Poñendo nomes ás especies, primeiro paso para o estudo da biodeiversidade.
Ás 11:00 horas Ricardo Roberto Fernández falará sobre Fotografía submarina: descubrindo a luz da evolución, e ás 12:30 David Fernández e Fernando Patricio charlarán sobre Patrimonio cultural asolagado na Mariña. Xa po último, João Rodrigues contará a súa experiencia con Fotografar para conservar, e acto seguido darase por rematada a xornada cuns pinchos.
E doutra banda, unha exposición de 50 fotografías únicas dos fondos mariños da costa de Lugo. Instantáneas orixinais coas que o visitante poderá descubrir un mundo incrible desde a superficie do noso mar Cantábrico, ata os fondos de especies únicas. Todas elas inmortalizadas por Hugo Fernández e Carlos Gil, quen pretenden mostrar a rica biodiversidade da Mariña Lucense. A galería fotográfica pretende ademais ser un referente para a divulgación, concienciación e conservación das nosas augas. A exposición inaugurarase este sábado 22 logo das charlas. Estará exposta en Foz, pero será itinerante polos municipios da comarca.
A Costa da Mariña Lucense é un enclave único situado na fronteira entre o Océano Atlántico e o Mar Cantábrico con aproximadamente 100km de litoral que albergan unha enorme biodiversidade de especies mariñas para moitos descoñecidas. A Mariña Somerxida pretende dar a coñecer esta riqueza subacuática a través dunha serie de actividades gratuítas promovidas polo GALP A Mariña Ortegal e dirixidas a tódolos públicos onde a gran protagonista é a natureza das nosas augas.