Sergio López, OPP Burela: "A prohibición afecta a zonas onde se pesca dende hai 40 anos sen ningún tipo de problema”
Falamos co xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Sergio López, sobre o veto da pesca por parte de Bruxelas. Unha medida que repercute directamente na actividade de máis de 200 barcos de capital galego e de xeito indirecto en 900.
Por Ana Somoza López.
Tralo peche das 87 zonas de pesca entre o Golfo de Cádiz e a zona norte de Gran Sol, onde se considera que hai ecosistemas mariños vulnerables, previse que medio milleiro de barcos e uns 2.000 pescadores deberán deixar de realizar pesca de fondo en 16.419 quilómetros cadrados do Atlántico.
Segundo o xerente da Organización de Produtores Pesqueiro de Burela, Sergio López, “a afectación é moi grande pero non podemos cuantificala polo momento pois hai xente no mar e están intentado coordinarse para poder pescar, pois algúns deles que realizan a súa actividade o 75% do ano téñense que reubicar. Xa veremos cal é a realidade nas próximas semanas”.
López asegura que “o problema desta prohibición tan xeral é que afectou sobre todo a zonas onde se está pescando e onde se pesca dende hai 40 anos sen ningún tipo de problema porque é onde cría o peixe”.
No ano 2016 púxose en marcha un regulamento que pretendía limitar a pesca de arrastre de fondo “porque había unha gran presión medioambientalista que crían que había que reducir ao máximo o arrastre pois consideraban unha arte de pesca daniña para o fondo”, di López.
Este regulamento definía unha serie de especies e profundidades onde non estaban as artes de pesca selectivas nin as principais especies do sector burelés como son a merluza no caso dos pincheiros ou o rape e o gallo no caso dos arrastreiros. “Por iso daquelas existía certa tranquilidade porque a nós non nos afectaría”, engade López.
Pero en xuño do 2022 fíxose pública a proposta do regulamento no que afectaba a todas as zonas de pesca e todas as artes de pesca, “pois consideran que se o palangre aínda que sexa con anzol se chama de fondo pois xa está en contacto con el”, di o xerente da OPP de Burela, “entonces nos alegamos unha serie de cuestións técnicas e de que non houbo case consultas, e estábanse barallando distintos escenarios para a aceptación. E de estas propostas escolleron o que máis zona protexía”, relata, “pero o problema é que se aplicou a todas as especies”.
Pero cando estaban esperando a contestación a ese recurso o 15 de setembro aprobouse o regulamento “sen modificar nin unha coma da proposta de xuño”.
Pola súa parte presentarán un recurso o Tribunal Xeral da Unión Europea ao que se une o do Goberno do Estado como estado membro, pois “colocar nun espazo tan pequeno a todos os barcos é imposible. Ademais de que hai artes de pesca que non son compatibles con outras. Onde hai un palangreiro non pode haber un arrastreiro pois coa rede leva os aparellos”, di.
Desde a OPP consideran que se trata dunha norma inxusta, desproporcionada, sen unha base técnica suficiente e con fallos tanto na forma como no fondo, algo no que coinciden tanto as institucións políticas como científicas.
“Hai zonas e zonas e todo isto que tiña un equilibro e que estaba funcionando dende fai anos, vaise estropear ”, di o burelés, “a única solución agora mesmo é facer unha suspensión e analiza os datos dispoñibles”.