A Mariña reforza a súa aposta polo turismo sostible cun encontro coa Axencia Turismo de Galicia

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense deu un novo paso na consolidación do turismo sostible na comarca cun encontro coa Axencia Turismo de Galicia en Santiago. A vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida Igrexas, e a técnica do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña, Claudia del Pino, reuníronse co director da Axencia, Xosé Manuel Merelles, para poñer en valor os proxectos que se están a desenvolver no territorio.
Ana Ermida destacou que o obxectivo desta reunión era compartir os avances realizados nos últimos meses e establecer unha comunicación máis directa coa Axencia Turismo de Galicia. "Foi un encontro cordial e moi positivo no que repasamos actuacións clave como a promoción da marca A Mariña Galicia de Corazón, a campaña de desestacionalización Toma o teu tempo ou proxectos integradores como a Rede de Rutas de Sendeirismo e a sinalización do Camiño do Mar", sinalou.
Tamén se abordaron iniciativas que fomentan a colaboración entre o sector público e privado, como a implantación do SICTED para a calidade turística, o impulso ao Colectivo de Gastronomía da Mariña ou os acordos con Galicia Destino Sostible e o Corredor da España Verde para fortalecer o ecoturismo na rexión.
O director da Axencia Turismo de Galicia valorou positivamente o traballo realizado e destacou a riqueza e diversidade dos recursos turísticos da Mariña. Ademais, salientouse a implicación dos distintos axentes do territorio para consolidar un modelo turístico máis sostible.
"Traballar en conxunto supón un beneficio claro para os concellos e axuda a fortalecer a marca A Mariña como un destino turístico de calidade e desestacionalizado", subliñou Ana Ermida.
Este primeiro encontro serviu para abrir unha canle de comunicación máis estreita entre ambas entidades, favorecendo sinerxías e posibles acordos que impulsen o desenvolvemento sostible do turismo na Mariña Lucense.