A Mariña prepárase para recibir aos Reis Magos con cabalgatas en toda a comarca

A comarca da Mariña volverá vivir un dos días máis agardados do Nadal coa celebración das tradicionais Cabalgatas dos Reis Magos, que o vindeiro 5 de xaneiro levarán ilusión, música e fantasía ás rúas dos distintos concellos. Unha xornada pensada especialmente para a cativada, pero tamén para compartir en familia e manter viva unha das tradicións máis queridas destas datas.
En Alfoz, as súas Maxestades de Oriente protagonizarán unha ampla ruta polas parroquias do municipio. A cabalgata comezará ás 16.00 horas na Casa da Cultura e continuará pola igrexa das Oiras, O Pereiro, a escola da Pingüela, Reirado, Bacoi, Carballido e Adelán. O remate será no Castelo de Castrodouro, ás 18.00 horas, cun encontro festivo no que se ofrecerá chocolate quente e biscoito a todas as persoas asistentes.
En Foz, a comitiva real sairá desde a praia da Rapadoira ata chegar ao Belén vivinte situado no Concello, cun inicio previsto para as 18.30 horas. A recepción oficial terá lugar na Sala Bahía, onde haberá chocolate con churros e roscón, nun percorrido amenizado pola actuación da Escola de Música.
Viveiro celebrará a súa cabalgata con saída ás 17.30 horas desde a explanada da Variante, para finalizar coa recepción dos Reis Magos na Praza Maior, convertendo o centro da vila nun punto de encontro cheo de emocións.
En Burela, a chegada das Maxestades incluirá unha rosconada con premios e o sorteo do Gran Premio de Nadal, dotado con 3.000 euros, na Praza da Mariña, nun ambiente festivo pensado para toda a veciñanza. O percorrido da Cabalgata dos Reis comezará na rúa Camiño Real, seguindo pola ruta sinalada no mapa ata chegar á rúa Rosalía de Castro. Desde alí, os participantes continuarán a pé por Curros Enríquez ata alcanzar a carpa instalada na praza da Mariña, onde se realizará a recepción dos Reis. Durante todo o itinerario, o trenciño real circulará amodo para que todas as persoas poidan gozar da cabalgata e vivir de preto a música e a maxia deste evento festivo.;
Xove dará comezo á súa cabalgata ás 19.00 horas polas rúas da localidade, que continuará cunha festa no Pavillón Municipal a partir das 20.00 horas, animada pola Disco Móbil Conxuro.
En Cervo, a celebración dividirase en dous puntos. Ás 18.00 horas terá lugar a cabalgata en San Ciprián, con saída polo paseo e recepción na Praza dos Campos, onde tamén se celebrará unha chocolatada con biscoito caseiro e bocadillos organizada pola Comisión de Festas de Lieiro. Xa ás 19.30 horas, a cabalgata continuará na capital municipal, con final de festa na Praza do Souto.
O Valadouro recibirá aos Reis Magos ás 19.00 horas cun desfile polas rúas e unha recepción na Casa da Cultura, acompañada de roscón e chocolate.
En Mondoñedo, as Maxestades visitarán pola mañá as parroquias do municipio e, pola tarde, percorrerán o casco histórico. Comezará pola mañá con visitas ás parroquias de Argomoso, Lindín, Santa María Maior, O Carme, Vilamor, Masma, Oirán, Couboeira, Viloalle, Figueiras, Estelo, Cesuras Pelourín, San Vicente e Sasdónigas, e continuará pola tarde con paradas na Residencia San Rafael e no Hospital San Pablo, para culminar ás 18.00 horas co desfile polo centro histórico e, finalmente, coa recepción oficial de SS.MM. no auditorio municipal Pascual Veiga. A recepción oficial contará cunha chocolatada a cargo da Asociación Cultural Pasatempo.
En Riotorto, a celebración sairá da Casa da Cultura ás 20.00 horas para percorrer as rúas da vila ata chegar ao salón de actos ás 20.30 horas. Haberá agasallos para os nenos e servirase chocolate e roscón para os asistentes.
En Ribadeo, a cabalgata está prevista para as 18.00 horas, enchendo as rúas da vila de música, cor e ilusión.
A Cabalgata de Reis de Vegadeo dará comezo ás 18:00 horas desde a piscina municipal, cun desfile polas rúas e parada na igrexa parroquial. Entregaranse os premios do concurso infantil e o broche final será chocolate con roscón para todos os nenos e nenas.
Por último, en A Pontenova, a comitiva real sairá ás 17.30 horas desde O Fornos, cun percorrido polo pobo, para finalizar ás 19.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura, onde terá lugar a recepción oficial.
A Cabalgata dos Reis Magos de Trabada celebrarase o domingo 4 de xaneiro cunha xornada chea de actividades para todas as idades. Ás 16:00 horas, as súas Maxestades visitarán o CAM, onde se fará entrega de roscóns ás persoas maiores. Xa pola tarde, ás 17:30 horas, terá lugar a saída da cabalgata desde a Casa da Cultura ata o Pavillón Municipal de Deportes, acompañada polo grupo de gaitas Brisas del Eo. Ao remate do desfile, os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas, aos que lles entregarán un agasallo.
Os Reis Magos visitarán Lourenzá cunha cabalgata pensada para todo o concello. Ás 17.00 horas, a carroza das súas Maxestades sairá do recinto feiral para percorrer as parroquias. Ás 19.00 horas regresarán ao Multiúsos de Ponte de Cuñas para recibir os nenos e anotar as súas peticións cheas de ilusión.
As Súas Maxestades de Oriente volverán percorrer Barreiros este luns, enchendo o concello de maxia e ilusión! Pola mañá, desde as 10:30, visitarán varias parroquias que non cubrirán pola tarde, segundo o percorrido que se pode consultar no cartel adxunto. Xa pola tarde, o corteo partirá ás 17:00 da Praza do Concello de San Cosme, chegando ao Centro Social ás 18:00, onde realizarán a tradicional recepción e repartirán agasallos a todas as nenas e nenos que acudan.
Os Reis Magos visitarán Celeiro de Mariñaos ás 17.00 horas para repartir agasallos e doces nunha Tarde de Reis organizada pola Asociación Irmandade San Caetano, con chocolate e roscón. A festa completarase cun espectáculo circense de Cirquack, que combina diversión, pedagoxía e artes escénicas.