A Mariña mobilízase con autobuses para a manifestación en apoio a Palestina en Santiago o vindeiro 6 de outubro
A Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, composta pola Asociación Galaico Árabe Jenin, Galiza por Palestina e Mar de Lumes, convoca unha manifestación nacional en apoio ao pobo palestino o vindeiro 6 de outubro.
A mobilización partirá ás 12.00 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela, coincidindo coa véspera do aniversario do xenocidio en Gaza, e busca denunciar as agresións que o pobo palestino leva sufrindo durante 76 anos.
A coordenadora fai un chamamento á cidadanía galega para participar nesta marcha e esixir accións concretas dos gobernos ante a inxustiza e violencia que persiste na rexión. Ademais, nas concentracións celebradas o pasado luns en Foz e Viveiro, anunciouse a disposición dun autobús que partirá desde A Mariña para facilitar a asistencia á manifestación. As persoas interesadas poderán reservar praza ata o 27 de setembro, cun custo de 5 euros, nos teléfonos 982 581 861 e 982 140 654.
Os organizadores destacan a importancia de que Galiza alce a súa voz en solidariedade co pobo palestino e contra a violencia que continúa asolando Gaza.