A Mariña lucense, na liña de perigo: Greenpeace advirte do impacto do cambio climático e do turismo descontrolado

AMariñaXa
A organización ecoloxista inclúe a ría de Viveiro, San Cibrao e Burela entre os puntos máis vulnerables de Galicia polo avance do mar, a presión turística e a falta de políticas de protección eficaces
Burela-vista
18 Jul 2025

A organización ecoloxista Greenpeace vén de sinalar á Mariña lucense como unha das zonas máis ameazadas de Galicia no seu informe 'Destrucción a toda costa 2025', unha análise pormenorizada que denuncia o deterioro continuado da costa española. O documento, que pon o foco nos efectos combinados do cambio climático e o urbanismo desmedido, recolle máis de 500 puntos críticos ao longo dos 7.900 quilómetros de litoral do Estado, entre os que destaca con especial intensidade o traxecto que vai de Ribadeo a O Vicedo.

Segundo Greenpeace, a costa norte de Lugo está nunha situación límite pola suma de factores como o aumento da temperatura do mar, o risco de inundacións mariñas e fluviais e a presión urbanística derivada do turismo. A entidade subliña que a ría de Viveiro, a costa de San Cibrao e a de Burela son áreas cunha “ameaza significativa” de verse afectadas por subas do nivel do mar e eventos meteorolóxicos extremos.

A pesar de que os científicos levan anos alertando sobre o avance do cambio climático, a xestión do litoral segue sen adaptarse á realidade climática actual, segundo denuncia a coordinadora de campañas de Greenpeace, Elvira Jiménez. “As administracións seguen a recuperar modelos do pasado que xa se demostraron obsoletos. Mentres os impactos climáticos se intensifican, as políticas públicas non están á altura”, lamenta.

Na Mariña lucense, unha das principais preocupacións é o crecemento descontrolado das vivendas turísticas, a maior parte situadas en áreas costeiras de gran valor ambiental. Esta situación, segundo recolle o informe, está a provocar un forte malestar entre a veciñanza dos municipios afectados, que observa como a calidade de vida e o equilibrio territorial se deterioran progresivamente.

Greenpeace tamén chama a atención sobre a perda de biodiversidade mariña, acentuada pola subida da temperatura das augas que rodean a península. De feito, os datos recollidos revelan que estas augas se quentan un 67 % máis rápido que a media global, e iso tradúcese nunha maior intensidade dos temporais, alteración dos ecosistemas e impacto directo sobre especies de interese comercial, como o berberecho ou a ameixa.

Ao deterioro ambiental súmanse os efectos dunha política turística pouco sostible, baseada na especulación inmobiliaria e na falta de ordenación. “Estamos pasando do modelo de ‘sol e praia’ ao de ‘moito sol e pouca praia’”, advirte Jiménez, quen insiste na urxencia de adoptar medidas de mitigación e adaptación que reduzan a vulnerabilidade do litoral.

Greenpeace propón unha mudanza profunda no modelo de xestión costeira, que poña no centro a conservación dos ecosistemas, a planificación territorial e a protección da poboación. O futuro das rías, das praias e da biodiversidade depende, din, de que se priorice a resiliencia fronte ao beneficio inmediato.

⚙ Configurar cookies
0.10928297042847