A Mariña Lucense impulsa a formación dixital no sector turístico cunha xornada en Lourenzá

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense continúa avanzando nas accións do Plan de Sostibilidade Turística cunha nova proposta formativa destinada aos profesionais do sector turístico: a xornada “Novos retos e oportunidades no márketing dixital”, que se celebrará o martes 7 de maio no salón de actos do Concello de Lourenzá. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 5 de maio a través do enlace: XornadadeFormacionMarketingDixital.
Esta acción está especialmente orientada a persoas e entidades vinculadas co turismo na Mariña, co obxectivo de mellorar as súas competencias dixitais, descubrir ferramentas útiles e potenciar a visibilidade e competitividade dos seus proxectos no mundo online.
Segundo sinalou a vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, “o encontro busca dotar aos profesionais de coñecementos e recursos prácticos que lles permitan adaptarse aos novos tempos e contribuír ao desenvolvemento dun modelo turístico máis sostible, innovador e competitivo para a Mariña”.
A formación estará a cargo dun experto en estratexias de márketing dixital e incluirá contidos como publicidade online, xestión de redes sociais, SEO, SEM, comercio electrónico, intelixencia artificial aplicada ao márketing ou ciberseguridade básica, entre outros temas clave.
O programa da xornada desenvolverase ao longo de todo o día, con sesións de mañá e tarde, combinando teoría e práctica para facilitar a aprendizaxe efectiva e aplicable.