A Mariña Lucense acolle un encontro sobre turismo de natureza

AMariñaXa
Expertos e afeccionados reúnense en Barreiros para explorar o potencial turístico sostible da comarca
_Mancomunidade--NATUREWATCH-2025
28 Mar 2025

O Centro Sociocultural de Barreiros converteuse este venres no epicentro do turismo de observación da natureza coa inauguración do Encontro NatureWatch A Mariña Lucense. O evento, que se prolongará ata o domingo, reúne a 60 participantes interesados no turismo ornitolóxico, xeolóxico e botánico. A apertura contou coa presenza de diversas autoridades, entre elas o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, e a Vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Ana Hermida Igrexas.

Durante o acto inaugural, Cajoto destacou a importancia desta cita como unha oportunidade para compartir coñecementos e experiencias arredor da biodiversidade da comarca. "Este evento permite que expertos e afeccionados se reúnan para coñecer e valorar un territorio privilexiado, onde conviven ecosistemas mariños, zonas húmidas e espazos naturais protexidos", sinalou.

O Deputado puxo en valor o modelo turístico que se promove dende a Deputación, baseado na calidade e na sustentabilidade. "Non buscamos un turismo masificado nin un consumo efémero da paisaxe, senón unha experiencia pausada e respectuosa co territorio", asegurou. Neste sentido, reafirmou o compromiso da institución provincial coas iniciativas que impulsa a Mancomunidade da Mariña Lucense para potenciar un turismo sostible.

A programación de NatureWatch A Mariña Lucense inclúe conferencias técnicas e divulgativas, saídas de campo organizadas por empresas locais e faladoiros temáticos, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural da comarca e promover o seu desfrute de maneira responsable.

⚙ Configurar cookies
0.20098495483398