A Mariña estará representada en FITUR 2025
O vindeiro xoves, 23 de xaneiro, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentará en FITUR a súa nova campaña de comunicación interna 'A Mariña latexa contigo'. A presentación oficial terá lugar a partir das 16.30 horas no stand de Galicia en FITUR (pavillón 9 do recinto feiral IFEMA) nun acto no que participará a vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, e representantes da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e da Delegación do Goberno en Galicia. Na cita abordarase tamén a evolución dos proxectos que se están desenvolvendo no destino no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense.
A campaña de comunicación 'A Mariña latexa contigo' componse dun audiovisual principal que será proxectado en FITUR e que recolle os testemuños dos veciños e veciñas dos 16 concellos da Mariña. Desde unha visión moi persoal achégannos aos seus municipios, ao seu territorio, describindo os recursos e experiencias más salientables de cada lugar e conformando así un quebracabezas visual cheo de agarimo e autenticidade.
Así mesmo, editaranse pezas audiovisuais e gráficas específicas para cada un dos concellos, para a súa difusión a través das canles corporativas e institucionais, que contribuirán a poñer en valor a oferta turística de cada lugar.
A Mancomunidade estará presente en FITUR desde o 22 de xaneiro para manter xuntanzas con profesionais do sector e provedores de servizos, co obxectivo de comunicar os activos da Mariña, promover sinerxias e intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o xeodestino.
RIBADEO TAMÉN ESTARÁ EN FITUR
Ribadeo tamén estará presente a vindeira semana en Fitur 2025, onde a delegación local manterá diferentes encontros de traballos con turoperadores e medios de comunicación especializados. A concelleira de Turismo, Marta Saiz, dixo que “Ribadeo é un destino de gran atracción turística, e non só polo monumento natural da praia de As Catedrais ou polo Faro de Illa Pancha. Ribadeo é moito máis, forma parte da Mariña, a súa situación estratéxica no mapa entre Galicia e Asturias permítelle dispor tamén doutros recursos de gran calidade no entorno máis próximo. Ribadeo é un destino de gran escala humana e acolledora. Ese carácter galego-cantábrico de gran personalidade das súa xentes, pois, quizais marcado por un pasado vibrante tamén o fan único”.
Saiz manifestou que “Ribadeo é a porta de entrada a Galicia do Camiño Santiago Norte declarada o Patrimonio Mundial da Humanidade. Se te atrae a natureza, Ribadeo ten dous mares, un tranquilo que é a nosa preciosa ría de Ribadeo e o outro máis enérxico, o Cantábrico. Ámbolos dous trazan un litoral abrupto onde se alternan acantilados, saltos, con calas, praias de area fina, pobos e barrios mariñeiros como Rinlo, cetarias históricas e a memoria dun pasado mineiro e industrial que compoñen unha das costas mellor conservadas de Galicia”.
E subliñou que “en definitiva, Ribadeo é un lugar único para descubrir Galicia e A Mariña, disfrutar da cultura, da natureza, da gastronomía e do comercio en calquera data, porque Ribadeo está vivo en calquera momento do ano”. Concello de Ribadeo e Acisa conforman a delegación que a vindeira semana acudirá a Fitur a facer promoción deste destino turístico.