A Mariña estabilízase mentres o global da provincia dispárase

TerraChaXa | AMariñaXa
21 Xan 2021

Tal e como anunciaron as autoridades sanitarias, a covid-19 empeora e aínda o fará máis nos próximos días, tanto en contaxios como en presión hospitalaria. De novo nesta última xornada continúa o maior aumento ata o de agora nesta terceira vaga. Son 88 casos novos máis ata acadar os 1.362 (onte foron 63). Rexistráronse neste tempo 109 contaxios novos (onte foron 104), cifra que volve bater un récord. Mentres, as altas chegaron ás 7.181, 43 máis que o martes (o día anterior foron 48).

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 8.708 casos rexistrados e 158 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados. O último falecido é un home da residencia da Pastoriza.

A presión hospitalaria continúa aumentando e chega a 9 persoas na UCI, unha máis que onte. Tamén sobe en dous casos a hospitalización. Hai 19 no Hula (tres máis), 18 na Mariña (un menos) e 2 en Monforte.

COMARCA

Na Mariña, a zona máis afectada, a do occidente, camiña a estabilización. Viveiro suma un caso máis tras dous días de descenso e queda en 267, sometido a normas especias co peche de toda a hostalaría e as actividades non fundamentais.

Xove continúa pola senda do descenso e hoxe son catro casos menos que onte, pero aínda así segue en 88 afectados. Preocupa tamén a situación no Vicedo, que se coloca en 27 casos, seis máis que onte. Cervo e Burela, pola contra baixan tamén lentamente e sitúanse en 23 e 45, respectivamente. Tamén lles toca subir lentamente de novo a Ribadeo cun positivo máis e 22 no cómputo a quince días, o mesmo que Foz, que ten 13. Ourol volve a rebaixar o seu volume de casos por debaixo de dez.

O resto de concellos mariñaos teñen baixa a incidencia e Trabada é o único sen contaxios de covid na última quincena. Lourenzá, que levaba semanas sen casos, volve rexistrar algún positivo, pero por debaixo de dez.

Na Terra Chá volve a subir en Vilalba en 16 casos tras un goteo constante nos últimos días mentres A Pastoriza suma un caso novo tras varios días á baixa.

No sur, Monforte e Sarria seguen subindo descontrolados agora mesmo con 86 e 55 contaxios, respectivamente, produto de dúas celebracións. Xunto a estes están afectados e en aumento tamén Quiroga con 34, O Saviñao con 15 e Bóveda 11. Pola contra, Chantada baixa a 25.

No centro, Lugo suma 6 casos máis ata os 192 casos e destacan os 29 de Palas de Rei e os 15 de Láncara.

0.089460849761963