A Mariña en Ruta seguirá esta fin de semana por Lourenzá, Mondoñedo e Trabada
A Mariña en Ruta seguirá os días 4 e 5 de novembro por Lourenzá, Mondoñedo e Trabada. A andaina prevista para hoxe, día 1, en Xove: De Morás a Portocelo, os cantís esculpidos polo mar, foi aprazada por mor da mala previsión meteorolóxica.
A Mariña en Ruta é un proxecto que está promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. Desde outubro e ata finais de novembro están programadas 16 actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca ten un papel destacado.
A pasada fin de semana, os días 28 e 29 de outubro, tiveron lugar a ruta a través de San Cibrao e o seu mar e a ruta dos Fornos e Mina Consuelo na Pontenova. “Esta edición do programa de visitas e rutas guiadas pola Mariña Lucense está a ter unha boa acollida, a pesar da climatoloxía adversa destas últimas semanas. Para esta primeira fin de semana novembro quedan prazas dispoñibles. Animamos á veciñanza mariñá e de comunidades limítrofes como Asturias ou de comarcas próximas como a do Bierzo ou Ferrolterra, por exemplo, a que se acheguen en novembro a gozar da programación que temos deseñada”, subliña a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López.
E engade que “este sábado, día 4, Carmen Delia (La Guiateca) será a encargada de guiar a ruta que faremos a través do patrimonio natural e artístico de Lourenzá. E o domingo teremos dúas saídas. Unha por Mondoñedo e o seu legado, que será guiada por Ana Pena (Guía tu Día) e outra por Trabada, viaxe ao pasado pola Fraga da Becerreira con Boris Vidal. Lembramos que esta última foi aprazada por mor do incendio que lle afectou a ese municipio o pasado 12 de outubro”.
As actividades terán unha duración de 2 a 4 horas e poderán participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo xeral será de 5 euros para individual; 8 euros para parella; e 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta