A Mariña en alerta laranxa por refachos de vento que poderán alcanzar os 100 km/h

AMariñaXa
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activa a alerta laranxa a partir desta medianoite polo vento da borrasca Aline que chegará á Mariña de Lugo e ao noroeste da Coruña, onde se poderán acadar refachos de ata 100 km/h.
temporal A Mariña
19 Out 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activa a alerta laranxa a partir desta medianoite polo vento da borrasca Aline que chegará á Mariña de Lugo e ao noroeste da Coruña, onde se poderán acadar refachos de ata 100 km/h.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso poderá provocar mar combinada do noroeste con ondas de ata 10 metros, por iso tamén activará a alerta vermella por temporal costeiro no litoral oeste e noroeste da Coruña e no de Lugo a partir de mañá.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes ou paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ante a alerta por vento, sinálase, ademais, a necesidade de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

0.1263370513916