A Mariña doa máis de mil euros á Fundación Eira da Xoana para recuperar a fraga de Santo Estevo do Ermo

AMariñaXa
A achega, froito do programa “A Mariña. Plans con corazón 2025”, destinarase á repoboación con especies autóctonas nun espazo natural e arqueolóxico de Barreiros
Acto-solidario-Mancomunidade-2025
6 Nov 2025

O Deputado de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Carlos López López, participou este xoves na Ermida de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros, no acto solidario no que a Mancomunidade de Concellos da Mariña fixo entrega de 1.129 euros á Fundación Eira da Xoana. Esta contía, recadada a través do programa “A Mariña. Plans con corazón 2025”, permitirá á entidade desenvolver un proxecto de recuperación ambiental centrado na repoboación con especies autóctonas dunha zona da fraga de Santo Estevo, que tamén acolle restos arqueolóxicos actualmente en estudo.

A Deputación apoiou esta iniciativa, que incluíu 16 rutas e visitas guiadas deseñadas para dar a coñecer o patrimonio natural, histórico e cultural do xeodestino mariñán. Nese sentido, Carlos López salientou que “desde a Deputación decidimos colaborar con esta iniciativa porque encaixa á perfección co noso modelo de turismo: un turismo sostible, de calidade e respectuoso coa contorna, que tamén xera riqueza e emprego, especialmente no rural”.

O deputado tamén subliñou a importancia de manter este tipo de programas ao longo do ano, máis alá da tempada estival. “Cómpre poñer en valor non só este proxecto, senón o labor continuo da Mancomunidade promovendo propostas que desestacionalizan o turismo, poñen en valor o noso patrimonio e axudan a dinamizar a economía local”, engadiu.

Ao acto asistiron tamén a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López García, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida Igrexas, así como representantes da Asociación Mariña Patrimonio e da Irmandade de Santo Estevo, entre outras autoridades.

⚙ Configurar cookies
0.070831060409546