A Mariña dispón dun novo refuxio para animais no Valadouro, financiado pola Deputación

TerraChaXa | AMariñaXa
10 Xan 2019

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto co alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, o alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, e a presidenta da Asociación Protectora de Animais Valadouro-Alfoz (APAVA), Lucía López Tallón, inauguraron  as novas instalacións do refuxio para animais abandonados e outros animais domésticos e salvaxes en catividade que a asociación dispón no municipio do Valadouro, e coas que colaborou o Goberno da Deputación con 85.000 euros. Son unha dotacións públicas que ofrecerán servizo a todos os municipios da Mariña que decidan sumarse. Polo momento, ademais do Valadouro, tamén acollerá animais de Alfoz, Muras e Lourenzá.   
Campos Conde destacou que “a Xunta transferiu aos Concellos as competencias de recollida e xestión de animais abandonados sen ningún medio económico para poder asumilas. Ante esta situación, que é unha mostra máis do castigo ao que o Executivo galego do Partido Popular ten sometidos aos municipios, dende o Goberno Provincial estamos a facer un importante esforzo inversor, que ascende xa aos case 800.000 euros, para habilitar espazos nos que os Concellos poidan levar aos animais abandonados e prestarlles o coidado e a atención que requiren. Polo tanto, con este novo investimento do Goberno da Deputación, damos resposta ás demandas e necesidades que teñen hoxe en día a maioría dos Concellos da Mariña e que precisan deste servizo comarcal”, destacou.
O Executivo Provincial financiou a construción das instalacións que se realizaron  nuns terreos propiedade da asociación, que foi a responsable da execución dos traballos, nunha parcela de 2.650 metros cadrados, situada en Vilaestremil (O Valadouro). As dependencias contan agora cunha sala de curas, un departamento para a xestión da actividade, un almacén de alimentos e outro de limpeza, dúas salas de corentena e outras dúas de illamento, unha sala de postpartos, un espazo para animais perigosos, un departamento para gatos e mascotas e outros 6 espazos para o resto de animais. O refuxio pode dar acubillo, mantemento, coidado e atención profesional integral a un total de 30 animais abandonados que así o precisen.
Outro refuxio en Foz
A Deputación colabora tamén co Concello de Foz para a construción no municipio focense dun novo refuxio de animais abandonados. Terá capacidade para uns 40 cans e gatos e prestará servizo a Concellos da Mariña. O Executivo Provincial financia na súa totalidade estas actuacións con 90.000 euros. O municipio focense achega os terreos, situados no núcleo de Mañente, en Vilaronte. Estará xestionado pola Asociación Asistencial Protectora de Foz. Os Concellos que desexen empregar estas instalacións só terán que asinar un convenio co municipio focense, que será o titular do refuxio. O Concello polo súa banda investirá máis de 30.000 euros procedentes do Plan Único da Deputación para completar estes traballos.
Zona centro e sur da provincia
O Goberno da Deputación destinou 400.000 euros á ampliación das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, así como a compra de subministros. Ten capacidade para 400 animais e presta servizo ata o momento a uns 8 Concellos da zona centro. Outros 40.000 euros foron para a mellora do refuxio situado e n Xermade, que acolle uns 100 animais. Está xestionado pola Asociación Animals Help e que atende a outros 4 Concellos da contorna polo de agora. A maiores, achegou 200.000 euros á construción dunha canceira para a zona sur da provincia, que se situará no municipio de Monforte de Lemos.   

0.13603496551514