A Mariña convértese nun faro musical co Festival Bal y Gay

A comarca da Mariña volverá acoller este verán unha nova edición do Festival Bal y Gay, que se celebrará entre os días 12 e 21 de agosto en espazos emblemáticos de nove concellos mariñáns. O evento foi presentado este mércores en Foz pola Deputada de Economía, Facenda e Contas da Deputación de Lugo, Carmela López Moreno, que destacou o carácter “único” do festival tanto pola calidade dos artistas como pola beleza dos escenarios nos que se desenvolve.
Na presentación, celebrada no CENIMA de Foz, tamén participaron o alcalde do municipio e deputado provincial, Francisco Cajoto Caserío, e o presidente da Fundación Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeiras, xunto a outras autoridades implicadas na organización e acollida dos concertos.
A Deputación de Lugo contribúe con 12.000 euros ao financiamento desta iniciativa, que arrinca oficialmente o 12 de agosto pero ofrece un adianto musical este xoves, 31 de xullo, coa actuación gratuíta de La Carroza del Real, ás 19:30 horas na Praza Conde de Fontao de Foz.
Segundo Carmela López, o festival representa “un modelo de cultura accesible, descentralizada, de calidade e con impacto real na vida das persoas”. A deputada avanzou o compromiso da institución provincial de seguir apostando por proxectos culturais que reforcen o papel da Mariña como “un faro cultural orgulloso do que é e do que ofrece ao mundo”.