A Mariña conquista aos bloguers de viaxes de Galicia

A Mariña Lucense foi o escenario esta fin de semana do encontro da Asociación de Travel Bloggers de Galicia (Galicia TB), unha entidade que reúne creadores de contido de viaxes de toda a comunidade. O evento, de carácter interno, celebrouse en Viveiro e permitiu aos asistentes descubrir diferentes puntos turísticos da comarca a través dun programa de actividades organizado en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.
Durante a fin de semana, os blogueiros participaron en visitas guiadas a Xove, onde afondaron na riqueza xeolóxica da zona; a Viveiro, para coñecer o seu patrimonio histórico e cultural; e a Foz, onde exploraron os recursos naturais e costeiros do municipio. Esta experiencia permitiulles descubrir de primeira man a oferta turística da Mariña, que aposta pola sostibilidade e a promoción dun turismo de calidade.
Galicia TB naceu en 2014 co obxectivo de agrupar os blogues de viaxes galegos e impulsar unha profesión en crecemento. O proxecto, que comezou con 12 bitácoras, conta na actualidade con preto de trinta membros que abordan o turismo desde perspectivas diversas, como as viaxes en familia, o sendeirismo, a cultura ou a gastronomía.