A Mariña COGAMI mellora a seguridade e o benestar das persoas usuarias do seu centro de Xove

AMariñaXa
A entidade instala un novo peche perimetral no centro de atención diúrna de Palmeiro grazas ao financiamento do 0,7 % do IRPF da Xunta de Galicia
XOVE-centro-Cogami-Palmeiro-outubro-2025
9 Oct 2025

A Asociación A Mariña COGAMI está a desenvolver un proxecto de mellora das instalacións do seu centro de atención diúrna situado en Palmeiro, no concello de Xove. A iniciativa, financiada a través da convocatoria do 0,7 % do IRPF para fins sociais da Xunta de Galicia, ten como obxectivo reforzar a seguridade e mellorar a calidade dos espazos exteriores do centro.

A actuación principal consiste na instalación dun peche metálico tipo Hércules en todo o perímetro do recinto, con varias portas de acceso, co fin de garantir a protección das persoas usuarias e facilitar o uso do xardín e das zonas ao aire libre en condicións de tranquilidade e confianza.

Esta mellora beneficiará directamente a trinta persoas con diferentes graos de dependencia que acoden a diario ao centro, ofrecéndolles un entorno máis seguro e adaptado para a realización de actividades ao aire libre. Deste xeito, a actuación contribúe a fomentar o seu benestar emocional, a súa autonomía persoal e a súa saúde física, promovendo hábitos de vida activa e participación social.

Desde a entidade destacan que este tipo de proxectos permiten “seguir avanzando na inclusión e na calidade dos servizos prestados ás persoas con discapacidade”, reforzando a misión de COGAMI como referente na atención social da Mariña Lucense.

Con máis de 36 anos de traxectoria, A Mariña COGAMI é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa pola defensa dos dereitos e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade ou en situación de dependencia. A súa labor abrangue programas de atención social, orientación laboral, formación e accesibilidade, consolidando un modelo de intervención integral que aposta pola igualdade de oportunidades e pola plena participación das persoas con discapacidade na sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.10313487052917