A Mariña Cogami inicia con fisioterapia acuática o programa de actividades deste ano
Son seis as persoas con discapacidade de Ribadeo e Barreiros as que asisten a terapia acuática que se imparte no spa do hotel Fogar do Mariñeiro de Ribadeo.
A Asociación de Persoas con Discapacidade A Mariña-Cogami vén de iniciar o programa de actividades para o coidado da saúde que ten programado para este ano, a través do que pretende tratar as doenzas físicas, motoras e emocionais das persoas usuarias e proporcionarlles un benestar integral.
A primeira das actividades postas en marcha é a de Fisioterapia Acuática na que se utiliza unha técnica denominada Halliwick, ferramenta terapéutica que resulta ser das máis utilizadas nas terapias dirixidas a persoas con discapacidade física, con danos neurolóxicos e traumatolóxicos. As persoas profesionais expertas no Halliwick afirman que este método aporta beneficios de equilibrio, forza, control da postura e beneficios psicolóxicos, porque afianza as relacións sociais e as emocións.
A Mariña Cogami iniciou a terapia acuática nas instalacións do spa que o hotel Fogar do Mariñeiro ten en Ribadeo e polo de agora acoden a esta actividade unha vez á semana
6 persoas dos concellos de Ribadeo e Barreiros repartidas en dúas quendas de tres persoas cada unha, sendo atendidas por dúas fisioterapeutas da clínica Fisio-CORPOS de Ribadeo. Esta actividade ten unha duración de 12 sesións, polo que rematará o mes de abril pero con posibilidade de poder retomala a finais de ano.
Para o mes de marzo está previsto iniciar outros programas de benestar integral dirixidos a persoas con discapacidade física, como fisioterapia, terapia ocupacional e terapias psicolóxicas. Todos estes desenvolveranse de maneira individual ou grupal, segundo as necesidades, e tanto poden realizarse en clínica como no domicilio.
As persoas que queiran reservar praza para calquera destas actividades que se van desenvolver durante este ano, poden contactar coa asociación A Mariña Cogami no teléfono 982 130 289 ou 664 494 092 ou enviar un correo a amarina@cogami.gal