A Mariña COGAMI impulsa a autonomía de 45 persoas con discapacidade na comarca

A Asociación A Mariña COGAMI está a desenvolver un programa centrado na mellora da autonomía persoal de 45 persoas con discapacidade da comarca, así como no apoio aos seus familiares. A iniciativa, que forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), conta co respaldo económico da Fundación ONCE e céntrase en ofrecer atención integral e individualizada no ámbito rural.
O equipo de profesionais da asociación atende a usuarios dos concellos de Burela, Viveiro, Foz, Mondoñedo, O Valadouro, Trabada, O Vicedo, Barreiros, Xove e Ribadeo, ofrecendo sesións especializadas de fisioterapia, intervención psicolóxica e terapia ocupacional. Estas actividades están deseñadas para mellorar a calidade de vida das persoas participantes e reforzar a súa capacidade para levar unha vida o máis autónoma posible.
Desde a entidade destacan que o obxectivo fundamental do programa é "favorecer o benestar e a independencia das persoas con discapacidade no seu día a día", algo especialmente importante nos concellos máis pequenos e afastados dos centros urbanos. A atención próxima e personalizada permite detectar necesidades concretas e dar respostas eficaces nun entorno no que os recursos adoitan ser escasos.
A experiencia acumulada pola Asociación A Mariña COGAMI no traballo co colectivo da discapacidade confirma que este tipo de programas son imprescindibles para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e equitativa. Segundo sinalan, resulta esencial garantir que as persoas con diversidade funcional poidan acceder a servizos de apoio, con independencia do lugar no que vivan.