A Mariña aposta por un turismo sostible e sensorial durante todo o ano

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense está a redefinir o xeito de entender o turismo na comarca cun obxectivo claro: ofrecer experiencias que conecten co territorio de maneira auténtica, enriquecedora e respectuosa co medio. Así o defende a vicepresidenta da entidade, Ana Ermida, que salienta que “o turismo debe xerar valor non só económico, senón tamén social e ambiental, reforzando a identidade local e protexendo o noso patrimonio”.
Nun contexto no que cada vez máis viaxeiros buscan vivencias singulares afastadas do turismo masificado, a Mariña Lucense presenta o xeoturismo e o turismo ornitolóxico como alternativas diferenciadoras. A través destas modalidades, os visitantes poden descubrir o territorio desde outra óptica, xa sexa interpretando os seus fenómenos xeolóxicos ou gozando da riqueza avifaunística que acolle ao longo de todo o ano.
Natureza e divulgación
No marco do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta e a Secretaría de Estado de Turismo, vén de actualizarse e ampliarse a información dispoñible na web institucional (https://amarinalucense.gal/) sobre xeoturismo e ornitoloxía. Alí, as persoas interesadas poden atopar contidos renovados para planificar visitas, coñecer os mellores puntos de observación ou contratar servizos especializados.
Tamén se editaron dous folletos informativos —un sobre xeoturismo e outro sobre turismo ornitolóxico— dispoñibles en formato físico nas oficinas de turismo e tamén en versión dixital e multilingüe na devandita web. Como complemento, está prevista a instalación de tótems interpretativos en puntos estratéxicos, deseñados para ter un impacto visual mínimo e integrarse na paisaxe.
Estas accións súmanse ás xa realizadas nos últimos meses: tres xornadas formativas para profesionais, 22 xeorutas guiadas fóra de tempada alta e o encontro de turismo de observación de natureza natureWatch, que en conxunto mobilizaron a máis de 500 persoas. En total, contabilízanse 33 accións desenvolvidas no territorio para reforzar a oferta turística vencellada á natureza.
Aves como reclamo
A observación de aves, ademais de ofrecer unha experiencia contemplativa, é unha ferramenta eficaz para desestacionalizar o turismo. A Mariña destaca pola súa variedade de ecosistemas e pola riqueza de especies que habitan ou transitan pola comarca ao longo do ano.
Durante a primavera, o paso das aves mariñas polo corredor migratorio que atravesa a costa lucense —declarado ZEPA— convértese nun espectáculo único. As gaivotas son das especies que máis interese espertan entre os ornitólogos. No interior, lugares como Ourol acollen a maior concentración de voitres leonados de Galicia nesta época, e a Serra do Xistral, que se estende polos concellos de Alfoz, Mondoñedo e O Valadouro, permite tamén avistar outras especies de bosque.
Na costa, Illa Coelleira (O Vicedo) acolle a nidificación das pardelas cincentas, mentres que en praias e estuarios obsérvanse especies migratorias descansando antes de proseguir a súa viaxe. No outono, Cabo Burela convértese nun dos mellores observatorios de Europa para seguir a migración das aves mariñas, a só unha hora de Estaca de Bares, un dos epicentros ornitolóxicos do continente.
No inverno, o protagonismo trasládase ás rías e lagoas da comarca, onde se deixan ver especies como limícolas, garzas, anátidas ou incluso aguia pescadora.
Viaxar pola historia xeolóxica
En paralelo, o xeoturismo está a gañar peso como actividade que mestura coñecemento, respecto pola natureza e recreación. Alén de espazos xa recoñecidos como a Praia das Catedrais, a Cova do Rei Cintolo ou o complexo mineiro de Consuelo en Viveiro, a Mancomunidade seleccionou unha ducia de puntos de alto valor xeolóxico repartidos pola comarca.
Trátase de enclaves que permiten interpretar o pasado xeolóxico da Mariña, considerada unha das zonas máis privilexiadas da Península pola complexidade e beleza das súas formacións rochosas. Estes espazos serven tanto para visitantes como para a poboación local como ferramentas de coñecemento e concienciación ambiental.
Con esta aposta, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense aspira a consolidar un modelo turístico diferenciado, sostible e comprometido co territorio. Un turismo que non só ve, senón que comprende, sente e respecta.