A Mariña analiza o seu futuro en transporte e comunicacións nun foro en Foz

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) organiza este xoves, 27 de marzo, un foro de análise centrado nas comunicacións e o transporte na Mariña. O evento terá lugar ás 19:00 horas no salón de actos do Cenima, en Foz, e reunirá diferentes voces do sector empresarial, do transporte e da cidadanía para reflexionar sobre o estado das infraestruturas viarias e ferroviarias da comarca.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explica que o obxectivo deste encontro é escoitar á veciñanza e ás empresas, así como poñer en común as principais carencias e demandas en materia de comunicacións. “Hai moitas voces que teñen moito que dicir sobre o estado das estradas, o servizo de tren e o transporte dispoñible na Mariña. Queremos reflexionar en conxunto e coñecer as preocupacións e necesidades da xente”, sinala.
Cruzado lembra que este foro segue a liña de encontros iniciados pola FCAM hai un ano, cando se organizou un primeiro debate sobre o presente e o futuro do empresariado na Mariña. En outubro, a análise centrouse na dificultade para atopar vivenda en alugueiro para os traballadores da comarca, unha cuestión fundamental para a fixación de poboación. Agora, o foco ponse sobre un problema que afecta a empresas, estudantes, pacientes e a toda a cidadanía en xeral: as comunicacións e o transporte na Mariña.
O foro contará coa participación de Marcos Salgueiro, director xerente de Frigomar e presidente de Adexmar; Amador García, propietario de Transportes Paraíso; Beatriz Trigo, dinamizadora da relación entre empresas e FP na Mariña; Camilo Vázquez, técnico de emerxencias, enfermeiro e formador; e José Villamar, usuario e membro da plataforma en defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo.
A xornada estará moderada pola xornalista e presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, quen anima á asistencia de empresas e veciñanza, independentemente de que formen parte ou non da federación. “O importante é intercambiar opinións e sensacións, que as demandas da Mariña se escoiten e que esta comarca teña voz no debate sobre as súas infraestruturas”, conclúe.