A Mariña acollerá un programa piloto de educación viaria para escolares de Primaria

Foz
AMariñaXa
Preto de 1.100 nenos e nenas participarán nesta iniciativa promovida pola Consellería de Educación
Seguridade-viaria-alumnado Marina 2025
28 Feb 2025

Un total de preto de 1.100 escolares de 12 colexios da Mariña participarán no programa piloto de educación viaria destinado ao alumnado de Primaria. Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, comezará o vindeiro 6 de marzo no CEIP Lois Tobío de Viveiro, onde se realizarán as primeiras actividades coa participación de 179 rapaces e rapazas do segundo e terceiro ciclo de Primaria.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e responsables da empresa Roqsport, encargada de organizar as xornadas, presentaron hoxe o proxecto, que se desenvolverá nos próximos días nos pavillóns dos centros de ensino da comarca.

O programa inclúe un circuíto móbil de educación viaria que se desprazará a cada centro para realizar sesións prácticas co obxectivo de que os nenos e nenas coñezan os aspectos básicos da seguridade viaria e fomenten condutas responsables. Un dos puntos centrais da formación será o coñecemento e o respecto aos sinais de tráfico, algo fundamental para garantir a seguridade nas rúas.

Os seguintes centros que acollerán as xornadas son o CEIP Península da Paz de Cervo (7 de marzo), Pedro Caselles Rollán de Xove (10 de marzo), Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo (12 de marzo), Vista Alegre de Burela (14 de marzo), CEIP do Vicedo (17 de marzo), Gregorio Sanz de Ribadeo (19 de marzo), Santa María do Valadouro (24 de marzo), CEIP Nº1 de Foz (26 de marzo), San Miguel de Reinante, en Barreiros (28 de marzo), Castro de Alfoz (31 de marzo) e Juan Rey de Lourenzá (2 de abril).

0.17250895500183