A Mariña acolle 50 cursos para desempregados cun investimento de 2,1 millóns

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 2,1 millóns de euros á realización de 50 cursos dirixidos a persoas desempregadas na Mariña, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade en sectores con alta demanda de profesionais. Estas formacións enmárcanse na orde de axudas para accións formativas AFD no período 2024-2025, que na provincia de Lugo inclúe un total de 267 actividades con 5.100 prazas dispoñibles.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou en Mondoñedo a academia Emergal Ensino, unha das entidades beneficiarias, que imparte cursos en áreas como tanatopraxia, transporte sanitario, atención a persoas dependentes ou atención sanitaria a vítimas de catástrofes.
As accións AFD están promovidas por centros de formación, administracións locais, entidades profesionais e colectivos sen ánimo de lucro. Na Mariña, a última convocatoria concedeu cursos a cinco centros educativos, ao Concello de Burela e á Cruz Vermella. As especialidades abranguen desde a atención sociosanitaria ata a hostalería, a soldadura, a xestión administrativa, o comercio ou o transporte e distribución, ademais de clases para mellorar competencias en matemáticas e comunicación en galego e castelán.
Os cursos están deseñados en función das necesidades do mercado laboral galego, segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo da Consellería. A prioridade é formar persoas desempregadas, aínda que ata un 30% das prazas poden ser ocupadas por persoas traballadoras no caso de quedar vacantes.