A Mancomunidade remata os Obradoiros e os Plans con Corazón
A vindeira fin de semana rematarán os Obradoiros e os Plans con Corazón da Mancomunidade de Concellos da Mariña con diferentes propostas que se desenvolverán en Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Viveiro e Riotorto.
O sábado, 9 de novembro, haberá un Obradoiro de Kintsugi con Artesanía do Pasatempo, en Mondoñedo. Será de 11.00 a 13.00 horas para público adulto. Trátase dunha experiencia baseada na técnica ancestral xaponesa de reparación de obxectos cerámicos con ouro, onde se resaltan as cicatrices como as experiencias de vida do obxecto. As persoas participantes familiarizaranse co proceso de reparación mediante dita técnica sendo agasallados co obxecto reparado.
E o domingo, día 10, desenvolverase un Obradoiro de Rakú con Esquina Atlántica, en Mondoñedo, que terá lugar de 11.00 a 13.00 horas para público adulto. Neste caso trátase dunha experiencia con rakú, técnica xaponesa asociada ao ritual do té, no que as participantes prepararán o seu propio chawan (taza de té) ao estilo xaponés acercándose á técnica do esmaltado e posterior forneado a altas temperaturas.
Os Plans con Corazón da Mancomunidade rematarán tamén esta fin de semana. O sábado, 9 de novembro, terá lugar a Ruta polos cemiterios indianos de Ourol, con Noela Feal. E pola Pontenova desenvolverase a ruta Forxados a lume da man de Ana Pena.
Xa o domingo Viveiro será o protagonista coa ruta Cando a biodiversidade se fai dona do patrimonio industrial, con Boris Vilar. E tamén ese día se desenvolverá por Riotorto con Ana Pena a visita denominada As bondades da natureza.
Desde a Mancomunidade informan que nestes momentos están todas as prazas ocupadas das 6 actividades que terán lugar nesta fin de semana de novembro, tanto para Obradoiros como para Plans con Corazón. É posible anotarse nas listas de agarda por si alguén dos anotados non puidera asistir.