A Mancomunidade promociona a Mariña nunhas xornadas en Lanzarote
O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, participou en Lanzarote na xornada de presentación da Estratexia de Sostibilidade Turística en Destino, organizada pola Secretaría de Estado de Turismo e que contou coa presenza da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
A cita tivo por obxectivo reflexionar sobre as oportunidades e retos que dita estratexia plantexa para os destinos turísticos e, neste caso, para a Mariña.
Ao acto de inauguración asistiron a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, o presidente de Canarias, Ángel Víctor Torres, xunto á presidenta do Cabildo de Lanzarote, Mª Dolores Corujo, e outras personalidades. A xornada foi clausurada polo Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, e pola conselleira de Industria, Comercio e Turismo de Canarias, Yaiza Herrera.
O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, participou xunto a outros alcaldes de toda España entre os que se encontraban a rexedora de Santander, o rexedor de Ávila ou o alcaldesa de Jaca, nunha mesa redonda sobre os retos e oportunidades da sostibilidade en destino. Fran Cajoto participou como poñente representante dos destinos rurais costeiros, entre os que se encadra a Mariña. O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade destacou a potencialidade turística desta comarca, aínda sen explotar en moitos aspectos: “temos unha moi boa oportunidade de desenrolar o turismo na Mariña, sempre pensando na preservación da natureza e no enorme patrimonio cultural, que é a nosa sinal de identidade. O visitante valora moito, mais que nunca, os destinos sen aglomeracións e queremos potenciar as nosas sinais de identidade: praias aínda virxes e un interior con grandes paisaxes e rutas por desfrutar”.
O presidente da Mancomunidade agradece o apoio da Secretaría de Estado de Turismo que se visualiza na participación da Mariña nesta mesa redonda, representando aos destinos rurais costeiros e poñendo o acento galego nas xornadas: “despois do apoio claro e decidido da Secretaría de Estado de Turismo, das declaracións do vicepresidente Rueda en marzo nas que comprometeu o apoio da Xunta a este plan, e da unanimidade de todos os Concellos na necesidade do mesmo, a Mariña pode considerarse unha seria candidata nesta convocatoria. O plan contou cunha moi boa puntuación técnica no 2020 , tanto pola configuración do propio plan como polas actuacións que inclúe, transversais e comúns a todos os concellos que conformamos a Mancomunidade”
Cajoto engadiu: “agardamos desta volta que se materialice e sexa posible contar cuns recursos que son moi necesarios. Os plans de sostibilidade turística para destinos rurais contan cun orzamento entre 2 e 4 millóns de euros, que se reparten en tres anualidades, do 2022 ao ano 2024”.