A Mancomunidade fai balance positivo dos 'Obradoiros e os Plans con corazón'

AMariñaXa
Un total de 16 rutas por 16 concellos e seis obradoiros, que dinamizaron as fins de semana do outono mariñán
mancomunidade-Foto-ruta-Viveiro
13 Nov 2024

Remataron os 'Obradoiros e os Plans con Corazón', organizados pola Mancomunidade de Concellos da Mariña. Estas programacións tiveron unha moi boa acollida entre os asistentes.

Nos últimos obradoiros desenvolvidos con Artesanía do Pasatempo e Esquina Atlántica en Mondoñedo, un de Kintsugi e outro de Rakú participaron en total 20 persoas – o total do aforo dispoñible - chegadas de Foz, Mondoñedo, Burela e Cadavedo (Asturias). Por Ourol, A Pontenova, Viveiro e Riotorto tiveron lugar os últimos Plans con Corazón deste outono.

O pasado sábado os asistentes á ruta 'Forxados a lume', na Pontenova, puideron achegarse aos fornos de calcinación de ferro, destacando o tranvía aéreo, os túneles, a mina Consuelo e a paisaxe. E tiveron a oportunidade de visitar o taller de J. Rodil, ferreiro con máis de 30 anos de experiencia, que lles amosou como se elabora artesanalmente unha navalla dende cero. Ana Pena foi a encargada de guiar esta visita á que acudiron nove persoas procedentes de Foz, Lugo, Burela e Barreiros.

Moi boa acollida tivo a ruta polos cemiterios indianos, en Ourol, na que os asistentes observaron tamén varias casas indianas así como a Sociedade Agraria. Visitaron os campos santos de Ourol, Miñotos e Xerdiz e recibiron un libro como agasallo. Esta visita foi conducida por Noela Feal e na mesma participaron 21 persoas chegadas desde Viveiro, Burela, Sarria, Serantes (Asturias), A Coruña, Lourenzá, As Pontes, Santiago de Compostela e Foz.

O domingo desenvolveuse a ruta ás Minas da Silvarosa, en Viveiro, 'Cando a biodiversidade se fai dona do patrimonio industrial'. O guía Boris Vilar contou coa colaboración de Ramiro Mel como embaixador local, representando á Comunidade de Montes de Vieiro. Os asistentes (17 persoas procedentes de Monforte, A Estrada, Barreiros e Viveiro) coñeceron distintos espazos vencellados ao antigo complexo mineiro, comprenderon a historia, vivencias e aspectos sociais dunha das minas de ferro máis importantes de Galicia.

'As bondades da natureza', en Riotorto, foi o último 'Plan con Corazón' deste outuno de 2024. Ana Pena foi a encargada de guiar esta ruta na que os participantes descubriron as bondades desta terra e a importancia que tivo o oficio de ferreiro. Como colofón visitaron  a Adega Pedro Leivas para coñecer as súas instalacións e probar a súa sidra salvaje acompañada con produtos locais. 17 persoas realizaron esta ruta, chegadas desde Ribadeo, Lugo, Burela, Foz, Alfoz, Lourenzá, A Pontenova, Vilalba e A Coruña.

En total foron 16 rutas por 16 concellos as realizadas entre o 5 de outubro e o 10 de novembro e seis os obradoiros programados e realizados entre o 31 de outubro e o 10 de novembro, que de xeito conxunto dinamizaron as fins de semana do outono mariñán. Estes proxectos foron promovidos pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

 

0.12920212745667