A Mancomunidade elixe os vídeos gañadores do concurso de cociña

TerraChaXa | AMariñaXa
29 Dec 2020

María del Carmen Rey, de Mazaricos, e o Centro de Día A Concordia, de Ribadeo, son os gañadores do I Concurso de Vídeos Cociñando A Mariña, que convocou a Mancomunidade.

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense fai públicos esta semana nas súas redes sociais e canal de Youtube os dous vídeos gañadores do concurso posto en marcha dentro da iniciativa Cociñando A Mariña Lucense. E durante os próximos días compartirá tamén os dous últimos vídeos gravados en colaboración coa hostalaría local e o IES de Foz. O ente levou a cabo este proxecto en colaboración coa FCAM e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

A Mancomunidade lanzaba o concurso de vídeo-receitas para o público xeral o pasado mes de outubro, despois de ter dado a coñecer o traballo dos distintos produtores existentes no territorio nas súas redes sociais durante case un mes. Na páxina web do ente tamén é posible consultar a Guía de Produtores da Mariña Lucense.

Así mesmo, foi posible inspirarse e aprender observando as propostas de elaboracións da hostalería local nas redes sociais de Turismo da Mancomunidade e no canal de Youtube da entidade. Un total de 16 restaurantes participaron, colaborando tamén o IES de Foz cunha vídeo-receta que pechará a próxima semana a iniciativa.

Os vídeos gañadores do I Concurso Cociñando A Mariña Lucense e os seus autores son:

  • 1º premio (Fin de semana no Hotel Rías Altas de Barreiros para dúas persoas, para vivir unha experiencia de turismo slow): “Taco Teresa” de María del Carmen Rey Mayo, de Mazaricos (A Coruña).
  • 2º premio (Ruta da Faba de Lourenzá para dúas persoas. Trátase dunha experiencia turística completa que combina arte, natureza, gastronomía e cultura local): “A Bocados” do Centro de Día A Concordia de Ribadeo, ao que se lle comunicou a posibilidade de adaptar a ruta ás necesidades dos usuarios cando sexa posible.

O xurado estivo composto por:

  • Nicolás Asensio, director do IES Foz.
  • Beatriz Irigoyen, xerente da FCAM.
  • José Cuadrado, presidente da IXP Faba de Lourenzá
  • Tania Hermida, axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.

Desde a Mancomunidade explican que “o obxectivo desta iniciativa no seu conxunto, pasou por traballar durante a tempada baixa na promoción da comarca como destino de turismo gastronómico e ao mesmo tempo por poñer en valor aos produtores, aos produtos e á gastronomía propia. Unha iniciativa novidosa coa que ao longo de 3 meses fomos dando a coñecer os produtores e os alimentos da Mariña Lucense, onde a hostalería amosou algunhas das súas elaboracións con produtos locais a través de vídeo-receitas e onde se convidou a participar á cidadanía nun concurso de receitas de gastronomía local mariñá”.

Campaña en redes sociais

A campaña nas redes sociais de Turismo da Mancomunidade como Facebook, Instagram e Youtube, enmarcada dentro desta iniciativa, para a promoción da Mariña Lucense como destino gastronómico e fóra de tempada, chegou a mais de 175.000 persoas de Galicia, Asturias e Madrid principalmente. O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, amósase moi satisfeito “polos resultados acadados con esta iniciativa. E agardamos que, nun futuro próximo e cando todo mellore debido ao covid, pouco a pouco podan verse os resultados no territorio”.

0.14828395843506