A Mancomunidade da Mariña Lucense presenta uns encontros gastronómicos
Gastronomía e innovación uníranse este domingo 1 de decembro no comezo de 'AMODO, Conversas Arredor da Gastronomía na Mariña'. Estes encontros gastronómicos, que terán lugar entre o domingo 1 e o martes 3 de decembro, están organizados pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense co obxectivo de amosar a importancia da gastronomía no seu territorio.
O domingo 1 de decembro darase a benvida aos relatores participantes e aos xornalistas especializados convidados ás xornadas, pertencentes a medios como El País, La Vanguardia, ABC... Desta forma comezará un press-trip no cal,durante os tres días de duración do evento, estes profesionais coñecerán de primeira man os atractivos da Mariña Lucense e a diversidade de produtos e proxectos que conforman o seu ecosistema gastronómico, así como o recentemente creado Colectivo Gastronómico da Mariña.
O día principal das xornadas será o luns 2 de decembro, no que terán lugar, no Auditorio da Fábrica de Sargadelos en Cervo,unha serie de conferencias e unha mesa redonda entre as 9.00 horas e as 17.30 horas. Estes eventos serán de balde e sen necesidade de inscrición previa, con acceso libre ata completar aforo.
A través de persoas destacadas no ámbito gastronómico e turístico como David Mora, director do máster de Turismo Gastronómico do Basque Culinary Center de San Sebastián; Pep Palau, fundador de Galicia Fórum Gastronómico e de Barcelona Fòrum Gastronòmic; ou María Solivellas, cociñeira(Ca Na Toneta, Mallorca. 1 estrela verde na Guía Michelin); abordáranse temas como a influencia da gastronomía no turismo e na cultura, e presentáranse proxectos gastronómicos afíns da man de profesionais como Lucía Freitas; cociñeira (A Tafona, Santiago de Compostela. 1 estrela Michelin) e coordinadora de Amas de Terra; Pepe Ferrer, embaixador gastronómico do Consello Regulador da D.O. Vinos de Jerez; ou Lluis Nel Estrada, director de Gastrollar e da Escuela Popular de Gastronomía Sostenible de La Ribera. Para rematar o día farase entrega do I Premio Merlín na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, que recoñecerá a un proxecto gastronómico destacado.
O martes 3 de decembro poñerase o punto e final a 'AMODO, Conversas Arredor da Gastronomía na Mariña' coa finalización do press-trip e a despedida aos profesionais e aos periodistas especializados.
GASTRONOMÍA E TERRITORIO
'AMODO, Conversas arredor da gastronomía na Mariña' é un encontro vinculado á gastronomía, organizado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense coa colaboración, na secretaría técnica de Jorge Guitián e Anna Mayer -profesionais no ámbito de proxectos gastronómicos- e do Colectivo de Gastronomía da Mariña.
Este evento nace do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña, presentado o pasado mes de xuño en Viveiro, no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense que xestiona a Mancomunidade; cofinanciado entre esta entidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O obxectivo desta convocatoria é posicionar ao territorio da Mariña como un espazo creativo e innovador que reflexiona sobre a súa realidade gastronómica, así como reforzar a gastronomía como un eixo fundamental da imaxe de marca do destino.