A Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero, inicia o seu percorrido pola provincia
Trátase da nova iniciativa do Goberno que nace para achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista á cidadanía.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou no Concello de Viveiro o proxecto “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero”, a nova iniciativa do Goberno que nace para achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista ás veciñas e veciños.
Tal e como indicaba Rodríguez, “trátanse de textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades”.
Durante a presentación desta iniciativa, enmarcada dentro do programa de actividades levadas a cabo polo Goberno para conmemorar o Día Internacional de violencia contra a muller, a subdelegada estivo acompañada pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, a concelleira de Cultura e Muller, Lara Fernández, a responsable da Unidade contra a Violencia de Xénero, Mª Luisa Castro, e traballadoras municipais.
A subdelegada agradeceu á alcaldesa de Viveiro o interese mostrado neste proxecto e a súa boa disposición para traballar conxuntamente contra a lacra da violencia machista.
A maleta comeza a súa andadura no concello mariñán, na que permanecerá un mes, e continuará a súa viaxe nos centros penitenciarios da provincia, centros de información á muller, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero ou servizos sociais dos municipios que soliciten a maleta para traballar con estes materiais nos seus centros.
“Trátase dunha viaxe sen data de volta, pois a idea é que a maleta poida continuar percorrendo a provincia e aumentando ou variando os libros que viaxan nela”, sinalou Rodríguez. Nesta primeira etapa, a maleta conta con doce libros infantís, xuvenís e para adultos, co obxectivo de que non só as mulleres, senón tamén as nenas e mozas poidan formar parte do proxecto.
Entre as obras que garda a maleta atópanse títulos como “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?”, de Raquel Díaz Reguera; “La cenicienta que no quería comer perdices”, de Nunila López e Myriam Cameros; “Todos deberíamos ser feministas”, de Chimamanda Ngozi; “Mi marido me pega lo normal”, de Miguel Lorente Acosta; “Cansadas”, de Nuria Varela; “El libro de la hija”, de Inma López Silva; ou “Rosalía Feminista”, de Helena González Fernández, entre outros títulos. Ademais, a maleta contén un diario de viaxe no que as persoas que participen no proxecto poderán escribir e compartir as súas reflexións sobre as lecturas.
Así mesmo, explicou que os diferentes Concellos polos que pasará a maleta poden engadir aqueles libros escritos ou protagonizados polas mulleres do municipio, "co obxectivo de visibilizar o talento e as historias das mulleres da nosa provincia".