A luz invisible de Bach

AMariñaXa
Un recuncho de reflexións sobre o infinito universo da cultura
Rebeca-Foto-artigo-marzo-2026
1 Mar 2026

Por Rebeca Maseda

Nin unha, nin dúas... Tres veces tiven a fortuna de poder escoitar ao vivo as Seis Suites para violoncello só de Bach interpretadas polo magnífico Jean-Guihen Queyras. Se a memoria non me falla, a primeira delas foi en Santiago de Compostela, no Salón Teatro para ser exactos; a segunda no Palau da Música en Barcelona; e o pasado 20 de xaneiro, no Espacio Turina de Sevilla. Diría que ninguén do sector non recoñece o valor das súas gravacións das Suites como unha referencia de obrigada escoita. Alá polo ano 2007 rexistrounas por primeira vez para o selo discográfico Harmonia Mundi, e máis recentemente, en 2023 -despois da súa experiencia xunto á coreógrafa Anne Teresa De Keersmaeker-, volveu gravar esta “biblia” do cello por segunda vez. Sobra dicir que calquera das dúas versións están máis que recomendadísimas!

Se vos digo a verdade, escoitalo foi case unha vivencia mística. Non son unha persoa relixiosa -pero si respectuosa, por suposto- e as sensacións e os pensamentos que se me pasaban pola cabeza sentada tranquilamente na miña butaca mentres Queyras nos deleitaba con Bach, foi de tal nivel de paz e serenidade, que podo chegar a entender ás persoas crentes. Bach é como un deus para min, iso téñoo claro dende hai moitos anos, pero neste caso Queyras foi o mellor catalizador da súa música, un intérprete comprometido coa súa arte e a excelencia ao máis alto nivel.

As Seis Suites para violoncello só de Johann Sebastian Bach nacen nun contexto moi concreto: o da corte de Köthen, arredor de 1720, nunha Europa barroca onde a música instrumental comezaba a emanciparse definitivamente da función puramente acompañante. O violoncello, ata entón relegado en boa medida ao baixo continuo, erguíase aquí como voz única, espida, sen artificios nin apoio harmónico externo. E nesa nudez reside, paradoxalmente, a súa grandeza.

Cada suite estrutúrase como unha sucesión de danzas estilizadas: allemande, courante, sarabande, gigue, ás que se engaden danzas intermedias —minuetes, bourrées ou gavottes— segundo o caso. Son danzas, si, pero danzas sublimadas. Poden acompañar o movemento do corpo, pero tamén evocalo desde a introspección.

Escoitando estas suites non podo evitar pensar nalgunhas pinturas de Johannes Vermeer. Neses interiores silenciosos, onde a luz entra oblicua por unha fiestra invisible e acaricia os obxectos máis cotiáns, hai unha mesma procura de equilibrio e claridade. Do mesmo xeito que Vermeer constrúe a escena a través do xogo delicado entre luz e sombra, Bach edifica a arquitectura sonora a partir dunha soa liña melódica que suxire, con mestría inaudita, unha polifonía implícita. Nada sobra. Nada falta. Cada nota é necesaria, como cada pincelada no lenzo.

O Barroco foi, entre outras cousas, a arte do contraste e da expresividade. Mais en Bach ese contraste non é exceso, senón orde; non é teatralidade baleira, senón profundidade espiritual. Hai nel unha racionalidade matemática que convive cunha emoción directa e humana. Cando o preludio da Primeira Suite comeza a despregar os seus arpexos, sinto unha especie de apertura, como se alguén abrira as xanelas dun  cuarto escuro. E cando a sarabande da Quinta Suite se expande no rexistro grave do instrumento, a sensación é case de suspensión: o mundo detense, respírase doutro xeito. Quizais por iso a experiencia en directo resulta tan transformadora. O son do cello, tan próximo á voz humana, envolve o espazo e atravesa o corpo. Non é unha música que se limite a ser escoitada: é unha música que se sente fisicamente, que vibra na caixa torácica e nos pensamentos. Neses intres, no silencio absoluto dunha sala atenta, compréndese que a arte pode ser tamén un acto de comuñón laica, un encontro íntimo co esencial.

As Suites non son só un cumio técnico do repertorio; son unha meditación sobre o tempo, o movemento e a emoción. E intérpretes como Queyras, coa súa honestidade e profundidade, convértenas nunha experiencia que vai máis alá do estético. Unha experiencia que, sen necesidade de dogmas nin liturxias, roza o sagrado. AMÉN.

 

0.14002895355225