A XII Limpeza Simultánea de Praias terá lugar o 6 e 7 de outubro
Adega convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias, unha xornada de voluntariado ambiental que ten como propósito concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña. Esta XII edición terá lugar os vindeiros venres 6 e sábado 7 de outubro, en máis de 40 areais galegos.
Son chamados a participar na limpeza de praias e denunciar esta problemática ambiental centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubs de piragüismo e vela, sector do mar, concellos e entidades de todo tipo, tanto públicas como privadas, ademais de persoas particulares.
O obxectivo das limpezas de praias é eliminar os residuos que están nas praias como símbolo de chamada de atención sobre a situación de contaminación que sofren os nosos areais. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no sistema de “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedente en parte da industria do mar (pesca, extraccións...), pero tamén dos nosos fogares.
Actualmente xa hai máis de 40 entidades anotadas a esta limpeza, entre concellos, centros de ensino e entidades xa veteranas nesta acción. Desde ADEGA agradecemos a boa acollida da actividade. A asociación ecoloxista ofrece asesoramento ás entidades participantes e proporciónalles o material divulgativo e os protocolos de limpeza.