A limpeza de Lugo irá á folga indefinida a partir do 16 de outubro

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo comezará unha folga indefinida a partir do 16 de outubro para reclamar un convenio colectivo digno.
folga limpeza provincia lugo
10 Out 2023

O sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo comezará unha folga indefinida a partir do 16 de outubro para reclamar un convenio colectivo digno. As asembleas de traballadoras acordaron esta medida ante a falta de avances na negociación e o deterioro das condicións laborais e salariais.

Así o anunciaron este luns en rolda de prensa CIG, CCOO e UGT quen avanzaron que o este mércores, 11 de outubro, as traballadoras realizarán unha mobilización que sairá ás 11:30 horas do Concello de Lugo na Praza Maior e rematará na sede da CEL, situada na Praza de Santo Domingo. Con esta marcha queren instar as todas as compañeiras e compañeiros a sumarse á loita e visibilizar as súas lexítimas demandas.

A última reunión da mesa de negociación tivo lugar o 27 de xuño, despois da exitosa xornada de folga levada adiante polo colectivo o día 20 de mes. Nesa xuntanza, a parte social modificou a súa plataforma inicial co obxectivo de dar un pulo ás conversas e propiciar un achegamento. A patronal (encabezada por ASPEL, a asociación estatal que agrupa ás grandes empresas do sector) comprometeuse a estudar a oferta e trasladar unha resposta, pero transcorridos tres meses "seguimos sen ter noticias".

A centrais sindicais puxéronse en contacto coa CEL para instar unha resposta, mais sen ningún éxito. Para Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, esta actitude supón un "absoluto desprezo" ás traballadoras dun sector considerado esencial na pandemia, altamente feminizado e precarizado.

Advertiu que a estratexia da patronal consiste en dilatar indefinidamente a negociación do convenio para "non revisar os anos anteriores mentres o persoal está na absoluta miseria". Neste senso, lembrou que as táboas salariais do convenio provincial xa foron superadas polo SMI (o soldo dunha limpadora está 1800 euros por debaixo) e que tan só nos dous últimos anos o persoal perdeu máis dun 12% da súa capacidade adquisitiva.

Diante desta parálise, as asembleas de traballadoras decidiron intensificar as mobilizacións e, tal e como xa advertiran antes do verán, ir a unha convocatoria de folga indefinida "que está máis que xustificada". A folga comezará o 16 de outubro e afectará a todo o persoal regulado por esta convenio (unhas 1800 persoas na provincia).

Proposta inasumíbel

A proposta patronal que hai enriba da mesa consinte nunha suba do 0% para o ano 2022, cunha prima non consolidábel de 272€; do 4% para 2023 cunha prima de 200€ (a percibir en 2024); e do 4% para os anos 2024 e 2025, sen ningunha cláusula de revisión. "O que propón a patronal sería tanto como asinar un convenio por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. Isto é algo inviábel para nós, xa que ademais, como en cada unha das negociacións anteriores, queren recortar a antigüidade. Este punto é unha liña vermella", apuntou a representante da CIG.

Asunción Castiñeira matizou que na última xuntanza a parte social, malia o axustado da plataforma inicial e a pouca marxe de manobra, modificou a súa proposta demandando un incremento do 5,7% para 2022 (acorde co IPC real dese ano), do 5,5% para 2023 e do 4% para 2024, cunha cláusula de revisión ao cruce.

0.096228122711182