A IX Foliada e Feira de Artesanía de Cervo celebrarase o vindeiro 3 de maio
A IX Foliada e Feira de Artesanía celebrarase o vindeiro sábado 3 de maio de 2025 na emblemática praza do Souto, no municipio de Cervo. Este evento, consolidado como unha cita imprescindible no calendario cultural da comarca, combina tradición, música e artesanía para ofrecer unha experiencia única para toda a familia.
A Foliada está organizada polo colectivo Fol do Raxal, Marmeladas A Morena e Fervenza de Sargadelos , coa colaboración do Concello de Cervo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, garantindo unha proposta cultural de calidade que pon en valor as raíces galegas.
A Foliada converteuse nun escaparate para as manifestacións culturais e artísticas de Galicia, destacando a música tradicional como eixo central da xornada. Os asistentes poderán gozar de concertos en directo, onde grupos de música folk e tradicional encherán a Praza do Souto de ritmo e alegría. Ademais, haberá unha gran variedade de obradoiros (talleres) pensados para todos os públicos, desde actividades para nenos ata iniciativas para adultos interesados en aprender máis sobre as artes e tradicións locais.
Proximamente máis detalles
Nas próximas semanas, darase a coñecer o programa completo, con horarios dos concertos, talleres e actividades. Así mesmo, abriranse os prazos de inscrición para participar nos talleres ou reservar postos na feira.
Desde a organización, animan a todos os interesados a seguir as actualizacións a través das redes sociais oficiais.