A IV Ruta Cabalar "Rego da Ponte" celebrarase o 22 de xuño en Ourol

AMariñaXa
Cabalos, natureza e música mestúranse nun evento que reunirá a afeccionados do mundo ecuestre nunha xornada de festa, gastronomía e sorteos
Ourol-rego-da-ponte-ruta-cabalar-2025
3 Jun 2025

O vindeiro domingo 22 de xuño, a parroquia de Bravos, no Concello de Ourol, converterase nun punto de encontro para os amantes dos cabalos coa celebración da cuarta edición da Ruta Cabalar “Rego da Ponte”. O evento, organizado pola asociación Xuntos a Cabalo de Ourol, promete un día completo de natureza, tradición e convivencia.

A partir das 10:00 da mañá dará comezo a ruta, na que os participantes percorrerán paraxes naturais da contorna, mentres desfrutan dunha experiencia compartida entre cabaleiros e público asistente. Durante o traxecto, serviranse biscoitos e café para todos os xinetes, así como bocadillos a metade do percorrido, favorecendo así a recuperación e o bo ambiente.

A mediodía, ás 14:00 horas, está prevista unha sesión vermú amenizada polo Dúo Zafiro, que tamén se encargará do baile posterior á comida. O xantar popular celebrarase a partir das 15:00 horas e terá un prezo de 27 euros. As reservas deberán realizarse antes do 18 de xuño.

Como cada ano, non faltarán os tradicionais sorteos entre os participantes, incluíndo unha cesta e, como atractivo especial, un poldro. A organización lembra que cada cabaleiro será responsable do seu animal e de calquera dano que poida causar.

Desde a organización destacan o apoio do Concello de Ourol e de numerosos patrocinadores locais, que fan posible un evento que medra edición tras edición, consolidándose como unha das citas imprescindibles no calendario festivo e cabalar da Mariña.

Para obter máis información sobre a IV Ruta Cabalar "Rego da Ponte", as persoas interesadas poden contactar con Germán no número 669 896 847, con Fátima no 677 698 259 ou con José no 608 490 592.

⚙ Configurar cookies
0.55257201194763