A IV Carreira Valadouro–Alfoz consolídase como unha cita deportiva e social de referencia na Mariña

AMariñaXa
Centos de participantes uniron nun ambiente festivo os dous concellos nun percorrido que puxo en valor a colaboración municipal e o deporte como motor de convivencia
CARREIRA-ALFOZ-VALADOURO-2025-Saida-andaina-dende-o-Valadouro
5 Oct 2025

A IV Carreira Valadouro–Alfoz volveu converterse nunha auténtica festa do deporte e da amizade entre concellos. Centos de corredores e afeccionados participaron nunha proba que, un ano máis, uniu as vilas de O Valadouro e Alfoz nun percorrido de gran beleza natural, enmarcado no circuíto Tour Mariña e organizado conxuntamente polos dous concellos.

O trazado, con saída dende O Valadouro e meta en Alfoz, discorreu por un entorno de paisaxe rural e verde, facendo das corredoiras e estradas locais o escenario perfecto para esta cita xa consolidada no calendario deportivo da comarca.

Na entrega de premios participaron o xefe dos Servizos Provinciais de Deportes da Xunta de Galicia, Manono Cadramón; o deputado provincial de Mocidade, Dani García; a alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda; o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela; e os concelleiros de Deportes Eliseo Lorenzo (Alfoz) e Ana Rubal (Valadouro).

O podio masculino estivo encabezado por Álvaro Pico Fernández, seguido de Adrián Paz Castro e Diego Blanco, mentres que na categoría feminina o triunfo foi para Lourdes López Villar, acompañada por Sonia Geada Eiroá e Leticia Teijeiro Pernas.

Tanto a organización como as autoridades asistentes coincidiron en destacar a excelente participación e o ambiente familiar que se respirou durante toda a xornada. A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, salientou “a importancia de seguir impulsando actividades que fomenten hábitos de vida saudables e que, ao mesmo tempo, sirvan para unir dous concellos irmáns que comparten territorio e proxectos comúns”.

Pola súa banda, o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, agradeceu “a implicación do voluntariado e de todo o persoal que fixo posible o desenvolvemento dunha carreira xa consolidada e que cada ano medra en participación e entusiasmo”.

A proba contou coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, o Tour Mariña e as foodtrucks da campaña Galicia sabe Amar, ademais de numerosos patrocinadores locais que contribuíron ao éxito desta cuarta edición, que reafirma á carreira Valadouro–Alfoz como un exemplo de cooperación, deporte e comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.091663837432861