A Inspección de Pesca desconvoca a folga tras un acordo histórico con avances salariais e recoñecemento profesional

Tras case tres meses de mobilizacións e paro laboral, o colectivo da Inspección de Pesca Marítima conseguiu arrincar ao Goberno central un acordo histórico que pon fin á folga iniciada hai oitenta días. O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) cualifica o pacto como un "recoñecemento sen precedentes" á función esencial que desenvolve este corpo de inspección e destaca que se deron pasos firmes para dignificar as súas condicións laborais e salariais.
O acordo contempla medidas clave como a creación dunha escala profesional propia, a mellora das retribucións, a regulación de horarios especiais, compensacións económicas, unha nova produtividade por obxectivos, e incluso a posibilidade de xubilación anticipada. Ademais, recóllese o compromiso de revisar a relación de postos de traballo (RPT) e de garantir unha promoción profesional real, aspectos reclamados desde hai anos polo colectivo.
Para Sandra González, inspectora en Galicia, este novo marco supón un avance significativo: “Por fin a nosa profesión adquire unha identidade propia, o que facilitará a aplicación de medidas específicas como os coeficientes redutores para a xubilación”. Engade que o recoñecemento profesional era unha demanda histórica que agora permitirá avanzar tamén noutros aspectos salariais.
A folga foi desconvocada esta mesma semana, logo de que o comité aceptase a proposta revisada do Ministerio de Política Territorial, que incorporou varias das achegas formuladas por CCOO. “A unidade e a perseveranza foron fundamentais para chegar a este punto”, destacan desde o sindicato.
Outro dos logros foi o compromiso de repartir proporcionalmente a produtividade dos meses de abril e maio entre todo o persoal, incluído o que secundou a folga. Desde CCOO salientan que isto supón un xesto de xustiza e solidariedade dentro do colectivo.
O corpo da Inspección de Pesca está formado por algo máis de cen profesionais en todo o Estado, dos cales unha trintena desenvolve o seu labor en Galicia, onde a actividade pesqueira ten un peso clave. A súa función resulta esencial para velar polo cumprimento das normativas estatais e europeas e frear o intrusismo das frotas ilegais.
Durante os últimos anos, Comisións Obreiras veu denunciando a precariedade laboral do colectivo, reclamando unha regulación específica, a revisión dos riscos laborais e unha formación continua axeitada ás esixencias dun sector cada vez máis complexo.
Con este acordo, CCOO considera que se abre un novo capítulo para a función pública, e advirte que manterán unha actitude vixiante para que os compromisos se materialicen. “Se non se cumpren os prazos, volveremos mobilizarnos con toda a forza demostrada nesta folga”, conclúe Sandra González.