A iniciativa Coñece Trabada propón un percorrido accesible ata a Ría de Abres

AMariñaXa
Veciños e visitantes poderán percorrer un tramo entre O Castro e a Ría de Abres nunha experiencia única
Conece-Trabda-13-abril-2025
30 Mar 2025

O Concello de Trabada, en colaboración coa asociación "Trabada paso a paso", retoma o seu programa de camiños cunha nova andaina incluída no ciclo "Coñece Trabada". A actividade, prevista para o domingo 13 de abril, levará aos participantes por un tramo que une O Castro coa Ría de Abres, cun percorrido de 8 quilómetros e unha dificultade baixa, polo que resulta axeitada para persoas de todas as idades.

O punto de partida da camiñada será a Praza do Concello de Trabada ás 10:00 horas. Unha vez rematada a ruta, os asistentes poderán gozar do xa consolidado TapEO de Trabada, unha proposta gastronómica dispoñible nos bares do municipio.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou a relevancia desta iniciativa para poñer en valor o patrimonio natural e fomentar o turismo sostible: "Seguimos apostando por accións que nos permitan descubrir e protexer a nosa contorna, ademais de impulsar a economía local. Esta nova andaina representa outra oportunidade para que veciños e visitantes coñezan os tesouros paisaxísticos do noso concello".

A actividade é totalmente gratuíta, pero require inscrición previa antes do 9 de abril. As persoas interesadas poden anotarse nas oficinas municipais ou chamando ao 982135011. Como medida de seguridade, é obrigatorio o uso de chaleco reflectante durante o percorrido.

Dende o Concello e a asociación "Trabada paso a paso", convidan a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta experiencia e seguir explorando os encantos naturais do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.49129295349121