A infancia de Ribadeo brilla con luz propia na exposición “Pintando coas amizades”

Ribadeo – A Cruz Vermella celebrou en Ribadeo unha entrañable e emotiva xornada arredor da arte e a amizade coa inauguración da exposición “Pintando coas amizades”, unha mostra protagonizada polos nenos e nenas que participan no proxecto “Éxito Escolar”. A actividade, que contou coa colaboración do Concello de Ribadeo, converteuse nunha celebración do talento infantil e do labor voluntario que o impulsa.
A exposición recolle o traballo creativo desenvolvido durante varias semanas polos máis pequenos, guiados e acompañados polo equipo de voluntariado da entidade humanitaria. A iniciativa ten como finalidade potenciar a expresión artística, reforzar a autoestima e fomentar o compañeirismo entre os nenos e nenas que forman parte do programa educativo.
Durante o acto de apertura, as responsables do proxecto fixeron un recoñecemento especial a Sole, voluntaria promotora da idea, pola súa paixón e dedicación á hora de contaxiar aos máis cativos o seu amor pola arte. Tamén se agradeceu a colaboración de Maica, profesora da tenda O Bosque Animado, que impartiu un obradoiro de pintura de maneira completamente altruísta e no seu día de descanso.
O evento foi tamén unha ocasión para poñer en valor o traballo discreto e constante de todas as persoas voluntarias que, cada martes e xoves, dedican o seu tempo a apoiar o estudo da infancia ribadense. Grazas a elas, o proxecto “Éxito Escolar” non só axuda a facer os deberes, senón que crea un espazo seguro, integrador e cheo de afecto.
A celebración completouse cunha merenda compartida entre pequenos artistas, familias, voluntariado e representantes das entidades implicadas. “Estamos moi orgullosas do traballo das nosas pequenas e pequenos artistas. Sodes as verdadeiras estrelas deste día”, destacaron as responsables do proxecto nun peche cheo de emoción e alegría.
A exposición “Pintando coas amizades” poderá visitarse nos vindeiros días no espazo habilitado para tal fin en Ribadeo. Desde Cruz Vermella fan un chamamento á veciñanza para achegarse a contemplar unhas obras cheas de ilusión, talento e cariño.