A III Marcha de BTT propón percorrer Barreiros en bicicleta de montaña

AMariñaXa
Este domingo 17 de novembro poderán realizar unha ruta non competitiva por puntos fermosos da contorna
barreiros-Augas-Santas-2023
16 Nov 2024

Este domingo, 17 de novembro, terá lugar a III Marcha de BTT organizada pola Asociación Deportiva Augas Santas de Barreiros. Trátase dunha proba deportiva non competitiva de bicicleta de montaña que discorre por pistas e sendeiros na contorna do Concello de Barreiros. A ruta pasará por puntos moi fermosos como son a fraga do Santo Estevo do Ermo, o xacemento de A Roda e subirá aos cumios de Penabor e Comado.

A saída darase ás 9.30 horas desde a pista de Pádel en San Miguel de Reinante e as e os participantes deberán cubrir unha distancia de 34 km e 1.100 metros de desnivel positivo. Segundo sinalan desde a asociación organizadora: “Ao non ser unha proba competitiva, haberá variantes ben sinalizadas nos puntos de maior dificultade para que todo o mundo poida gozar da xornada sen verse limitado pola súa destreza ou condición física. Ao finalizar haberá duchas no campo de fútbol de As Valgas e logo uns pinchos nos colexios vellos de San Miguel”.

O evento conta coa colaboración do Concello de Barreiros, da Deputación Provincial de Lugo, Vicepresidencia Segunda, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, de Protección Civil de Barreiros, Pinturas Centeno, Eroski Barreiros, Chatarras Jorge, Cerezo Bikes e do Iberia C.F.

 

0.14822101593018